11 jul 2016

Marcho que teño que marchar

Nada hai con mais poderío que a expresión galega que encabeza esta entrada, unha afirmación que se constata polo mero feito de ser dita. ''Marcho que teño que marchar''. Non fan falta mais explicacións, simplemente marcho, vou embora que dirían os portugueses, I'm leaving, dirían os ingleses; grau grau grau, diría Chewbacca.

É un feito irreversible, incuestionábel, inherente ao propio orden cósmico. Efectivamente, marcho pra Honduras, e os billetes xa están comprados, de aí a irreversibilidade do feito. E a que se debe esta súbita partida? Débese a participación no Programa de Coñecemento da Realidade de Enxeñería Sen Fronteiras, un programa formativo impulsado por esta asociación que busca sensibilizar por medio de sumerxir á persoa na realidade sobre a cal se desexa sensibilizar. Por decilo dalgún modo simple, en lugar de dicirlle á xente ''tío, estámola liando parda en Honduras'', métela nun avión e xa che volve sensibilizada. O gasto é maior, pero desta maneira asegúraste de que a túa mensaxe non pasa desapercibida, porque non é o mesmo un anuncio de 20 segundos antes de que boten o tempo na televisión, ou unha páxina que che salta cando intentas cargar Xogo de Tronos, que 3 meses noutro país (porque o referido programa dura 3 meses).

O caso é que este ano eu son a víctima desta innovadora enxeñería social, e por iso marcho. Bueno, eu e 2 persoas mais, Irene e Marcos. Concretamente, ás localidades hondureñas de El Triunfo e San Lorenzo. A Irene a podedes ver na entrada anterior neste blogue, contándovos os proxectos de Auga levados a cabo na zona. A Marcos poderedes velo tamén moi prontiño. O que vou facer exactamente en Honduras ainda non o sei moi ben, pero parece que van estar incluidas as seguintes actividades:

  • Facer un estudo sociopsicolóxico do referente espacial na construcción discursiva da identidade persoal con especial atención ao papel das infraestructuras de auga, utilizando unha ferramenta baseada en Sistemas de Información Xeográfica e dende unha perspectiva de Xénero.
  • Aprender a bailar danza punta, nas súas variedades garifuna, moderna ou outras que poidan xurdir, sen ser eu quen de dicir que non. Probablemente fagamos un troco (exchange, dirían os ingleses), e eu lles ensine a bailar algo que eu saiba, como o swing.
  • Aprender sobre as plantas locais. Todavía non me metín moi en materia, pero quería facer unha pequena guía sobre algunha plantas típicas dalí. Teño especial interese nos ficus e nos mangles, árbores ambas que xa o seu nome resulta evocador. Pero tamén as plantas que comen ou plantas que teñen algún significado. Este traballo tal vez o faga en conxunto con Marcos.
  • Ir á Nicaragua a un Congreso sobre Sostenibilidade. Sostenibilidade é como se chama ao feito de que non morramos todos daquí a uns anos. Aquí iremos os 3 rapareces que vamos de PCR.
  • Aprender e axudar no que poida nos traballos que ESF está a facer alí, enmarcados sempre en proxetos de Cooperación Internacional sobre o Dereito Humano á Auga ou a Soberanía Alimentaria.
  • Moitas outras cousas ainda por definir.
Total, unha experiencia moi chula. O que o bó lector debe lembrar de toda esta retaíla de datos, é que vou a Honduras 3 meses e que lle irei contando por aquí como vai indo a experiencia. Sirva esta entrada como introducción a esta singular e intensa experiencia que se aveciña. Agur!