Mostrando entradas con la etiqueta PCR agro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta PCR agro. Mostrar todas las entradas

11 sept 2018

Escola de Formación Política: Xénero en Desenvolvemento

Boas lectoras!

No marco do proxecto financiado pola Xunta de Galicia, "Fortalecemento das capacidades de Incidencia Política e Xeración de alternativas sustentables das organizacións da sociedade civil vinculadas ao sector pesqueiro e agrícola de pequena escala en 7 municipios costeiros da Rexión 13-Golfo de Fonseca, Honduras, con enfoque de soberanía alimentaria e defensa do territorio" paramonos desta vez na actividade 1.3.1. Esta data sobre a "Implementación da Escola de Formación Política para os distintos sectores productivos da rexión". Os obxetivos xerais da escola son a formación das persoas participantes mediante a dotación de coñecementos e a posterior replicación nos seus grupos e comunidades do aprendido na Escola para xerar un efecto multiplicador.

                                            Foto: Presentación da actividade e obxectivos

Desprazámonos a Choluteca pra este primeiro modulo, con persoas participantes pertencentes as bases sociais de CODDEFFAGOLF, de tódalas idades e provintes de diversos ámbitos: dende escolas, universidade,marisqueiras, pescadores ou amas de casa.

A axenda comezou coa fixación de conceptos básicos: diferencias sexuais ou biolóxicas. Tras moito debate, moita participación e confusión, chegamos xuntas aos conceptos finais, traducidos en forma visual mediante debuxos. Isto permitiu comprobar como se atribúen máis conceptos dos puramente sexuais para fixar como sería unha persoa con sexo feminino ou masculino.

                                        Foto: Construción das supostas diferencias sexuais ou biolóxicas.

Despois das aclaracións iniciais tocaba a construción social do xénero. Despois de colocar distintas características asignadas tradicionalmente a muller e ao home concluímos que xeran desigualdades e que se poden cambiar, sen depender de si es home ou muller.

A medida que avanzabamos ían saíndo outros temas entre as participantes e, falando do traballo que realizaban cada día, chegamos tamén até a división xenérica do traballo, o cal dou para moita confrontación entre as persoas asistentes, sempre nun ambiente de respecto e de intercambios de aprendizaxes.

                         Foto: identificados os supostos atributos de xénero e a división xenérica do traballo

Na segunda xornada de traballo fomos construíndo o concepto de desenvolvemento relacionándoo coa temática da xornada anterior (xénero e división do traballo) acadando compromisos por parte de cada persoa participante para replicar posteriormente nos seus espazos diarios (traballo, universidade, fogar, escolas, etc.).

Unha experiencia única  poder intercambiar perspectivas e aprendizaxes, ademais de coñecer a moitas persoas marabillosas nun ambiente divertido e relaxado.

O tempo pasa voando en Honduras...pero seguiremos informando entre as tormentas tropicais e os amigos zancudos.

Saudiños!!!

27 sept 2017

Capítulo 7. Xira á Rexión de Trifinio

A semana pasada tiven a oportunidade de visitar a Rexión de Trifinio (punto onde converxen as fronteiras de Guatemala, O Salvador e Honduras, nunha xira coa delegación da Mesa de Ambiente, Xestión de Riscos e Adaptación ao Cambio Climático (Mesa AGRACC, polas súas siglas en español) da Rexión 13 – Golfo de Fonseca. Así pois, acompañado de representantes de CODDEFFAGOLF, Ayuda En Acción, Gobernación Choluteca, Plan de Nación, ADEPES, ACS Promasur, Consejo de Desarrollo Región Golfo de Fonseca,  El Heraldo, e Alcaldía San Marcos de Colón, alá fun catro días. Dous deles de viaxe e dous deles cargados de interesantes actividades para coñecer a cooperación transfronteiriza destes países.

Delegación da Mesa AGRACC acompañados de técnicos do Plan Trifinio nunha das súas instalacións en Sinuapa, Ocotepeque (Honduras).


A rexión está conformada por 22 municipios de Honduras, 8 municipios do Salvador e 15 de Guatemala, que abranguen un total de 7.541km2 e suman 819,000 habitantes, a gran maioría poboación rural (70%), un 42% en situación de pobreza e cun Índice de Desenvolvemento Humano (0.6) inferior aos promedios nacionais. A Rexión Trifinio alberga tres grandes cuncas hidrográficas dos ríos Lempa, Motagua e Ulúa que proveen servizos ecosistémicos aos tres países. Os seus principais problemas ambientais son: contaminación por desfeitos urbanos e agrícolas, inestabilidade de taludes, erosión e sedimentación, deforestación e incendios forestais - nas últimas décadas ten perdido más do 30% de cobertura boscosa-, e inundacións. Cabe recordar que esta rexión atópase dentro do coñecido como Corredor Seco de Centroamérica.

A poboación estase concienciando da importancia do coidado dos bosques para dispoñer de auga.

O día 20 estivemos en Esquipulas (Guatemala). Alí, no Centro de Visitantes de Plan da Arada realizáronse tres presentacións que nos permitiron coñecer en terreo o Programa Bosques e Auga do Plan Trifinio, máis especificamente o seu Modelo Forestal: compensación por servizos ecosistémicos hídricos. Este modelo foi implementado a partir de 2012, co apoio da cooperación alemá, en tres microcuencas piloto: As Balanzas, Marroquín e O Volcán. O obxectivo do proxecto é desenvolver e difundir metodoloxías e aprendizaxes dos arranxos locais en base aos mecanismos de Compensación por Servizos Ecosistémicos asociados á provisión da auga (CSEH). O contexto previo relacionado á xestión dos recursos do bosque e a auga era a prevalencia do interese individual sobre o comunitario, evidenciado polo baixo nivel organizativo das comunidades e a degradación da microcuenca. Con todo, a través do proxecto conseguiron impulsar redes solidarias e altruístas de conservación dos recursos ecosistémicos mediante incentivos. O método é constituír arranxos institucionais a nivel local no que as comunidades, propietarios dos terreos, organizacións de base, como as Xuntas de Auga, Organizacións non gobernamentais, e institucións gobernamentais acordan compensacións para garantir a conservación e/ou rexeneración dos bosques. Un dos exemplos destes arranxos é que a Municipalidade de Esquipulas comprométese a mellorar o acceso viario ás comunidades a cambio de que estas protexan o bosque. Unha das iniciativas máis destacables do proxecto, que tamén foi presentada, é a creación do Fondo Verde, unha organización con participación de sete comunidades, xestionada por elas mesmas e liderada por mozas. O obxectivo deste fondo é recadar diñeiro para a xestión da auga e dos bosques. Para iso estableceuse unha cota de 144 quetzales por ano, sendo 120 investidos á potabilización e mantemento da auga, e 24 para o coidado dos bosques a través do pago por servizos ecosistémicos aos propietarios da zona (contabilízanse 78 propietarios), a cambio de que estes se comprometan a non explotar os bosques. Despois de dous anos de existencia, o Fondo Verde ten recadados 30.000 quetzales en fondos para a capitalización do proxecto, o que asegura a súa sustentabilidade e a do proxecto, cando finalice o financiamento externo. Como visión estratéxica, está a estudarse a forma de ampliar a participación da poboación urbana no Fondo Verde, pois é o núcleo de Esquipulas o que consome máis recursos hídricos (75%).

Centro de Visitantes Plan de la Arada, microcunca El Volcán, en Esquipulas (Guatemala).


Dinámica que realizan nas comunidades para deseñar un plan estratéxico de acción de maneira participativa. A través dunhas imaxes con debuxos se identifican as necesidades prioritarias da poboación local.

Xa pola tarde, na oficina do Plan Trifinio explicóusenos a súa orixe e evolución. O Plan Trifinio selouse o 12 de novembro de 1986 co acordo dos tres gobernos nacionais de Honduras, Guatemala e O Salvador e co apoio da Unión Europea (UE), a Organización dos Estados Americanos (OEA) e o Instituto Interamericano de Cooperación para a Agricultura (IICA). O motivo principal deste acordo foi a conservación forestal enfocada na defensa do bosque nubrado que se sitúa no macizo de Montecristo, onde se atopa o Punto Trifinio. Este compromiso de cooperación transfronteiriza a nivel rexional e local dáse no marco dos acordos de paz contemporáneos.
No ano 1992 desenvolveuse o primeiro Proxecto Piloto Trifinio co investimento da UE para contribuír ao desenvolvemento sustentable e ao proceso de integración Trinacional na rexión fronteiriza do Trifinio. Máis adiante, en 1997 asinouse o Tratado do Trifinio, baixo o lema “auga sen fronteiras”, dando así inicio ao proceso de institucionalización, creando unha rede estruturada de organizacións do Trifinio. Este Tratado está unicamente supeditado ás constitucións das repúblicas dos tres países. Por iso, conformouse a Comisión Trinacional do Plan Trifinio (CTPT), con personería xurídica propia, como máximo órgano decisor. Nel reúnense os vicepresidentes de Guatemala e O Salvador, e a persoa designada polo goberno hondureño. A Secretaría Executiva Trinacional, que dispón dunha Dirección Executiva en cada país, é o órgano que se encarga do funcionamento e o desenvolvemento do Plan Trifinio, apoiada pola Xerencia Técnica Territorial, con oficinas nos tres países. Ao mesmo tempo existe un Comité Consultivo, no que están representadas as Alcaldías, Gobernacións e Organizacións da Sociedade Civil da zona. Desde entón, nestes 30 anos de existencia, viñeron desenvolvendo tres programas: Programa Bosques e Auga, sustentado en tres modelos (forestal, agroforestal e silvopastoril); Ordenamento de Turismo Sustentable; e Fortalecemento de Cadeas de Valor (café, froiteiros e leite).
Un dos proxectos máis exitoso que se executa no marco do Plan Trifinio é o Modelo de Adaptación ao Cambio Climático, presentado no cume mundial de 2016 sobre o cambio climático: Conference of Parties 22 (COP22). Este proxecto, desenvolvido na mancomunidade Copanch'orti', baséase en xerar capacidades de resiliencia ao cambio climático, combinando coñecementos científicos e ancestrais, co obxectivo de garantir o uso sustentable e responsable dos recursos e o incremento da capacidade produtiva das comunidades locais.



Ao día seguinte, xoves 21, desprazámonos da cidade de Esquipulas (Guatemala) a Sinuapa, Ocotepeque (Honduras), visitando en primeiro lugar a Asociación de Municipios do Val de Sesecapa (AMVAS). Alí coñecemos as experiencias en proxectos de produción sustentable do café, como a creación dunha Mesa Trinacional de Café, que contaba con representantes de asociacións produtoras, gobernos locais, organizacións da sociedade civil e empresas distribuidoras.

Ao mesmo tempo presentóullenos a Rede de Mancomunidades Rexión de Trifinio, que suma a 12 mancomunidades co obxectivo de fortalecerse institucionalmente, logrando facer máis incidencia política a nivel nacional, e de articular iniciativas de gobernanza a través de proxectos con financiamento da cooperación internacional. No marco desa cooperación realízanse intercambios de experiencias exitosas entre os tres países que abordan: impulso das políticas públicas, estratexias para unificar as experiencias entre os municipios, descentralización dos servizos públicos e a incorporación de sistemas de manexo de augas residuais.

Sempre puxemos atención e tomamos nota das presentacións do persoal técnico do Trifinio.
Acto seguido, a delegación da Mesa AGRACC trasladámonos ás instalacións da Mancomunidade Trinacional Río Lempa, onde escoitamos ao seu coordinador Héctor Aguirre. Alí mostrounos o seu traballo de implementación de políticas públicas orientadas a mellorar diferentes indicadores da rexión: Índice de Desenvolvemento Humano (0.5); poboación en situación de pobreza (59.1%); poboación analfabeta (30.5%); desnutrición crónica infantil (máis do 30%); poboación sen acceso a auga segura (máis do 40%); e altos índices de desemprego e migración. Estas problemáticas abórdanse desde diferentes proxectos que contan coa asistencia técnica e financeira de axentes da cooperación internacional, tales como a axencia de cooperación alemá (GIZ), a Unión Europea, a Comuna de Milán, a Deputación de Huelva ou a área Metropolitana de Barcelona e outras institucións. O resultado de todo este traballo convértese na implementación de cinco políticas públicas locais transfronteirizas: territorio indivisible, que persegue o manexo sustentable do territorio adecuándoo ás normativas nacionais; fame cero, que persegue o obxectivo de erradicar a fame e a pobreza; cidade limpa, que busca implementar un sistema de manexo integral de tratamento de refugallos sólidos para asegurar a limpeza das áreas urbanas; e bosques para sempre, que pretende a conservación e o usos sustentable das áreas naturais.

A conclusión foi que despois de 9 anos de traballo, conseguiron fortalecer os gobernos locais no seu rol como implementadores de políticas públicas locais, xerando un cambio de visión na xestión pública e contribuíndo á cultura política de cooperación e gobernanza. Un exemplo dese cambio de modelo de xestión pública é a iniciativa de crear unha plataforma en liña na que compartir información accesible aos sucesivos gobernos locais para evitar que cando un goberno leve consigo todos os datos en lugar de cedelos ao seguinte (páxina web: http://sintet.net/). En perspectiva, o traballo da mancomunidade tamén contribúe á integración centroamericana e a motivar un cambio global a través de iniciativas locais desde pobos organizados. É por iso, que nesta reunión animouse á Mesa AGRACC a liderar un proceso de diálogo e cooperación transfronteiriza entre Honduras, Nicaragua e O Salvador, en base ao trifinio marítimo localizado no Golfo de Fonseca.

Yajaira, técnico de CODDEFFAGOLF, coordinadora da Mesa AGRACC, foi a organizadora da xira.
Despois de xantar, desprazámonos ao municipio de San Ignacio, Chalatenango (O Salvador). Alí, na oficina territorial do Trifinio, se falou do obxectivo que ten a plataforma baseado na procura da dinamización da economía a nivel rexional nos tres países, potenciando as cadeas produtivas, o turismo sustentable e o desenvolvemento rural territorial. Por iso, trasladámonos á comunidade do cantón as Granadillas, moi preto da fronteira con Honduras. Alí visitamos a leira do Carmen, propiedade de Don Ignacio Salquero, co fin de escoitar as súas boas prácticas e experiencias. A través das súas palabras coñecemos o proxecto que se radicou na zona desde o ano 2007, implementando obras de conservación de chan, barreiras vivas e construción de acequias, produción de repolo e plantacións de aguacate. Nas leiras beneficiarias polo proxecto implementouse a incorporación de abonos agroecológicos, como é a fabricación do bocachi.

A máis de 2.000m de altura, os veciños da Comunidade de La Palma, municipio de San Ignacio, Chlatenango (O Salvador), contáronnos como a súas producións, como a de aguacates, melloraron grazas aos abonos orgánicos. Tamén recibiron capacitacións de agroecoloxía.
Posteriormente visitouse a comunidade da Palma no municipio de San Ignacio, a fin de coñecer a experiencia da cooperativa ACOPHASS, conformada por socios poboadores e líderes da comunidade, constituída por 32 membros dos cales 26 son homes e 6 mulleres. A cooperativa converteuse nunha oportunidade de xeración de emprego para mozos especialmente para mulleres solteiras. A cooperativa abastece a pequenas comerciantes na capital do Salvador, dinamizando a economía local. Coa organización da cooperativa e desde o apoio do proxecto plan Trifinio, veuse dinamizando os agros negocios locais impulsando os procesos de comercialización, e de xeración de oportunidades de emprego. Tamén se fortalecen estes espazos coa promoción de feiras do mercado para comercializar os produtos.

A riqueza cultural desta rexión era máis que evidente a través dos seus produtos artesanais. Só en Guatemala viven 23 pobos étnicos con cadanseu idioma.

Ao termo da última actividade da xira, a delegación da Mesa AGRACC realizou unhas reflexións finais que deron lugar ás seguintes conclusións:

  • A rexión de Trifinio é un exemplo da solución de problemas transnacionais de forma cooperativa, evitando que se xeren conflitos. Por iso, sería desexable que un acordo trinacional similar realizásese no Golfo de Fonseca, sendo o punto trifinio onde converxen O Salvador, Honduras e Nicaragua. Desta forma, poderíase tentar, a través da cooperación transfronteiriza, o desenvolvemento económico sustentable e a protección e a conservación dos recursos mariño-costeiros.
  • Ao mesmo tempo, a experiencia do Plan Trifinio é un fito en Centroamérica, que contribúe á integración rexional e á o empoderamento dos gobernos locais, como actores emerxentes nas relacións internacionais e axentes do cambio global cara a modelos de desenvolvemento sustentable e adaptación ao cambio climático.
  • As estruturas de gobernanza formadas entre institucións gobernamentais, gobernos locais, ONGs, organizacións de base e empresas xeran espazos de diálogo acerca do desenvolvemento da economía local, propiciando actuacións coordinadas, estratéxicas e sinérxicas. De especial relevancia son as mancomunidades, como órganos fortalecedores dos gobernos locais nos seus roles de implementadores de políticas públicas que provean servizos públicos básicos á poboación.
  • Destácase o emprego da metodoloxía compensación por servizos ecosistémicos como incentivos altruístas e solidarios eficientes para a conservación e protección dos bosques e concas hidrográficas. É importante buscar fórmulas como estas que contribúan a garantir o acceso das poboacións á auga, especialmente en zonas de escaseza como as que se atopan no Corredor Seco de Centroamérica.

Tamén nos quedou algo de tempo para coñecer a Basílica do Cristo Negro de Esquipulas, un centro de peregrinación que recibe até un millar de persoas cada ano.

24 sept 2017

Resumo do proxecto de agro 2017

Hai uns días, a Xunta de Galicia resolveu a adxudicación das axudas para proxectos de cooperación para desenvolvemento no exterior, resultando beneficiado dunha das subvencións o proxecto de  agro de Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia, xunto con CODDEFFAGOLF (Comité para la defensa y el desarrollo de la fauna y flora del Golfo de Fonseca) como socia, e o Cartolab (Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica) como entidade asociada. Desta maneira, xa se conta co monto necesario para executar as actividades que máis investimento requiren ao abeiro do Proxecto de fortalecemento das capacidades de incidencia política e xeración de alternativas produtivas sustentables de organizacións da sociedade civil vinculadas ao sector pesqueiro e agrícola a pesquena escala en sete municipios costeiros da Rexión 13 - Golfo de Fonseca, Honduras, con enfoque de soberanía alimentaria e defensa do territorio.

O proxecto está orzado en 244.892€, sendo un 91,87% do financiamento aporte do goberno galego, o equivalente a 225.000€, e ten un período de execución de 23 meses, de xaneiro de 2017 a novembro de 2018. Ao mesmo tempo, as súas accións abranguen a Rexión 13 - Golfo de Fonseca, concretamente nos municipios de Amapala, Nacaome, Alianza e San Lorenzo (Departamento de Valle) e Marcovia, Namasigüe e El Triunfo (Departamento de Choluteca).

Traballarase directamente con 385 familias organizadas en 7 grupos locais de agricultores/as e pescadores/as artesanais das comunidades de Playa Grande, Mapachín, San Lorenzo Centro, Agua Caliente e 21 representantes de organizacións civís e gobernamentais aglutinadas na Mesa Municipal de Seguridade Alimentaria e Nutricional (SAN) de Nacaome. Ademais, vincularanse á acción de forma indirecta, en primeira instancia, 1686 familias de agricultores/as e
pescadores/as doutras “seccionais” de CODDEFFAGOLF.

O contexto que engloba as accións contempladas no proxecto presenta as seguintes problemáticas: Débiles capacidades organizativas e de incidencia dos grupos locais.
  • Limitados espazos de participación e incidencia para os sectores primarios de pesca e agricultura.
  • Iniciativas agrícolas e pesqueiras desarticuladas dun enfoque de cadea.
  • Escasa valorización do territorio e da produción agrícola e pesqueira.
  • Políticas nacionais que ameazan a soberanía alimentaria e comprometen os recursos naturais.
  • Baixos ingresos familiares debido ao elevado nivel de desemprego.
  • Escaso acceso da muller e a mocidade a espazos de decisión e produción en zonas rurais.
  • Falta de metodoloxías innovadoras que melloren os procesos de desenvolvemento na área rural.

Así pois, agárdase que o proxecto incida no fortalecemento doutras Organizacións da Sociedade Civil que defenden e promoven o sector primario de pequena escala, entre as que se atopan cooperativas e grupos organizados de pescadores/as e agricultores/as, ou de marisqueiras, asociacións locais e internacionais que traballan na zona no ámbito da soberanía alimentaria e a defensa do territorio. Tamén se espera que os espazos de concertación social e participación nestes dous ámbitos saian fortalecidos.

Para ter unha visión máis completa do proxecto, no seguinte cadro relaciónanse os obxectivos e resultados perseguidos coas actividades a realizar para a súa consecución. Cabe sinalar que algunhas delas xa se foron executando nestes meses de 2017.

Obxectivo xeral: Reducir a vulnerabilidade alimentaria con un enfoque de dereito e soberanía alimentaria en poboacións vulnerables do sur de Honduras
Obxectivo específico: Fortalecer as capacidades de incidencia política e de xeración de alternativas produtivas sustentables de Organizacións da Sociedade Civil (OSC) vinculadas ao sector pesqueiro e agrícola de pequena escala
Resultado 1.1 Fortalecidas as Organizacións da Sociedade Civil que promoven a soberanía alimentaria e a defensa do territorio.

Actividade 1.1.1 Diagnose de OSC que traballan nos 7 municipios en materia de Soberanía Alimentaria e Defensa Territorial.
Actividade 1.1.2 Implementación dun proceso formativo que potencie o liderado institucional e local.
Actividade 1.1.3 Deseño de ferramentas de xestión organizativa para grupos locais de pesadores/as e agricultores/as de pequena escala.
Actividade 1.1.4 Acompañamento aos grupos (pesqueiros e agrícolas) na construción dunha axenda local que promova a participación e incidencia en materia de Soberanía Alimentaria e Defensa Territorial.
Actividade 1.1.5 Implementación de ferramentas de arte lúdica para a superación de problemas e conflitos internos dos grupos.
Resultado 1.2 Ampliadas as posibilidades de medios de vida sustentables de agricultoras/es e pescadoras/es de pequena escala mediante procesos innovadores.

Actividade 1.2.1 Defensa e mellora participativa de variedades de millo criollo.
Actividade 1.2.2. Desenvolvemento de dúas pilotaxes para a maduración de emprendementos produtivos en grupos cun nivel de organización intermedio
Actividade 1.2.3 Creación dunha unidade xestión de mercados locais para a promoción de espazos formais de comercialización.
Actividade 1.2.4 Experimentación e monitoreo de iniciativas de cría de pargo en gaiolas como alternativa de produción pesqueira sustentable
Actividade 1.2.5 Capacitacións a grupos produtores para a mellora da calidade e a comercialización de produtos locais, con enfoque de identidade territorial

Resultado 1.3 Alcanzados procesos para a xeración de coñecemento en políticas nacionais que fortalezan a gobernanza do sector agrícola e pesqueiro.

Actividade 1.3.1 Implementación da Escola de Formación Política para os sectores produtivos.
Actividade 1.3.2 Participación de sectores produtivos en espazos de decisión, mesas e outros: reunións coa Secretaría de Agricultura e Ganadería (SAG), incluíndo a Dirección General de Pesca y Acuicultura (Digepesca).
Actividade 1.3.3 Edición de “leccións aprendidas” das iniciativas de desenvolvemento do sector agrícola e pesqueiro con impactos positivos xerados.
Actividade 1.3.4 Valorización da identidade territorial na zona de intervención.
Actividade 1.3.5 Cartografía participativa para a defensa do medio ambiente e promoción da identidade territorial entre a mocidade.


9 ago 2017

Capítulo 4. Que facedes en Honduras?

A crónica galecatracha de hoxe intentará responder á pregunta das nosas seareiras que se preguntan entolecidas que é o tal PCR e que se nos perdeu en Honduras.

PCR significa Programa de Coñecemento da Realidade. Cando nos apuntamos á convocatoria de ESF, isto se nos dicía: "ESF GALICIA organiza o Programa de Coñecemento de Realidade co obxectivo final de promover unha cidadanía global crítica e solidaria, potenciando o proceso de aprendizaxe das persoas da nosa sociedade a través do coñecemento de primeira man das desigualdades entre países". Pero que significa todo iso na práctica?

Pois coñecer os problemas do sur de Honduras, a idiosincrasia do pobo catracho, a súa forma de vida, as súas loitas sociais, formas de organización, os proxectos de ESF, as nosas copartes, a xente, a cooperación, os resultados... Viñemos a coñecer todo e non ha quedar segredo en Honduras sen descubrir. Ou alomenos, iso intentaremos no sur.

Aquí é onde estamos, na rexión do Golfo de Fonseca. Adri e Vero viven en el Triunfo, departamento de Choluteca. Eu vivo en San Lorenzo, departamento de Valle. San Lorenzo dá ao mar, concretamente aos manglares da Bahía de San Lorenzo. El Triunfo é zona de interior, preto da fronteira con Nicaragua.

O certo é que levamos dúas semanas dende a nosa chegada a Honduras e semella que foi hai un mes, porque parece imposible pensar que todas as cousas que fixemos e todo o que aprendemos ocorreu en tan poucos días. Por iso, resumir todo iso vai ser unha tarefa difícil, por non dicir pouco factible, pero velaquí as actividades que fomos desenvolvendo ao abeiro do PCR:

PCR AGRO


1. Reunións do Convenio AECID

ESF, xunto con Veterinarios Sen Fronteiras e Amigos da Terra, forma parte dun Consorcio de ONGs  que está executando un proxecto de cooperación a catro anos, financiado pola AECID, no que participan copartes da zona sur e occidental de Honduras (CODDEFFAGOLF, ANAFAE, ADEPES, CODIMCA, La Vía Campesina). Este proxecto, denominado “Fortalecimiento de las capacidades de los y las campesinas organizadas, para establecer un sistema de desarrollo real, justo, equitativo y sostenible, que garantice el derecho a la alimentación, en Honduras. Convenio 14-CO1-293” ten como obxectivos fortalecer as organizacións copartes e as súas bases, aplicando un enfoque de xénero e políticas de xuventude, promover a incidencia política e mellorar a produción do campesiñado local. 
Este convenio atópase na fase intermedia de execución –vai polo terceiro ano–, polo que se realizou unha avaliación externa, que ocupou boa parte do tempo das reunións nas que tiven a oportunidade de participar: reunión do Consorcio co avaliador para transmitir os comentarios; reunión do Consorcio para aceptar ou rexeitar as recomendacións; reunión entre ESF e CDFG sobre o informe técnico do PAC 3 e finalmente a reunión de copartes celebrada na localidade de San Marcos de Colón durante os días 1,2 e 3 de agosto.

Encontro Nacional de Copartes do Convenio en San Marcos de Colón.

No Potrillo tivo lugar o encontro entre todas as organizacións do convenio, que seguiron unha axenda moi intensa e completa, coa que se puido cumprir case na súa totalidade. Desta maneira, falamos do contexto político de Honduras de cara a programar as seguintes accións, realizamos unha análise DAFO para obter as conclusións do que se debería mellorar e do que se debería continuar no Convenio, levamos a cabo interesantes reflexións sobre como conseguir os obxectivos, reestruturamos os indicadores e, o máis interesante, escoitamos as experiencias das persoas beneficiarias do convenio. Mulleres e xoves nos contaron como grazas á Escola de Formación Política e á Escola de Campo se empoderaron, aumentando a súa autoestima, capacitándose, e reorientando as súas vidas a actitudes máis saudables e sustentables.

Caixa Rural liderado por mulleres.

O encontro nacional de copartes rematou cunha xira de campo na comunidade La Albarrada, nunha contorna montañosa. Alí as mulleres lideran as organizacións comunitarias, como a Caixa Rural, unha iniciativa creada en 2011 que pasou de 2.000 lempiras a máis de 300.000, podendo así financiar proxectos locais. Ao mesmo tempo, amosáronnos o aprendido na Escola de Campo, a través das súas hortas biointensivas nas que conseguían producir alimentos variados de forma sustentable, logrando así a soberanía alimentaria. Cabe dicir que as mulleres e as persoas mozas da comunidade tamén estaban integradas nestas dinámicas: verdadeiras referentes!

La Albarrada.

La Albarrada significa "Rocha firme" e toma o nome das rochas que se ollan ao alto.
Campesiñas (mozas novas incluídas) e campesiños da comunidade de La Albarrada amosan orgullosas as súas hortas. Tamén aparece Juan Carlos, de ADEPES, o seu instrutor da Escola de Campo, unha das actvidades do Convenio.
As ONGs do Consorcio e cadansúas copartes visitamos unha das Comunidades para observar en terreo os resultados.

2. Reunións de gobernanza

A coparte local de ESF é CODDEFFAGOLF (Comité para a Defensa e o Desenvolvemento da Fauna e Flora do Golfo de Fonseca), CDFG de aquí en diante. É con esta ONG coa que desempeño a maior parte das miñas actividades, integrándome como un compañeiro máis da súa oficina, e habitando nas súas instalacións (un auténtico privilexio). CDFG é unha organización moi potente, con tres décadas de andaina, varios proxectos executados con diferentes ONGs internacionais e cunha personalidade moi activa nos foros de incidencia e espazos de gobernanza, tanto locais como a nivel rexional. Neste senso, CDFG asiste ás mesas de gobernanza local e municipal e tamén forma parte do movemento MASS-VIDA (Movemento Ambientalista Social del Sur por la Vida).
As mesas son espazos de gobernanza que integran tanto a organizacións da sociedade civil, empresas e institucións gobernamentais. Até o de agora participei nunha reunión conxunta das Mesas SAN (Seguridade Alimentaria e Nutricional) e AGRACC (Ambiente, Xestión de Riscos e Adaptación ao Cambio Climático) da rexión 13 Golfo de Fonseca. En dito encontro compartiuse tempo para a presentación de proxectos na zona, coma o Proxecto de Gobernanza Hídrica ou da constitución da Mesa SAN no municipio de El Triunfo. Tamén se debateu sobre as responsabilidades de ambas mesas na preparación do Foron Trinacional (Honduras, Guatemala e El Salvador) sobre as temáticas SAN e Cambio Climático.
Reunión conxunta das Mesas SAN e AGRACC.

3. Taller de comunicación

Unha das debilidades de CDFG é a falta de implicación das bases e das persoas líderes de cadansúas comunidades na organización, o que xera ausencia de debate interno e falta de cohesión na transmisión da mensaxe da organización ao resto da sociedade. Por este motivo, en reunións co Comité Directivo e a Dirección do Equipo Técnico de CDFG propúxoseme a posibilidade de impartir un taller de comunicación que xerase debate nas reunións da Xunta Directiva e que brindase ferramentas para a construción de argumentarios e discursos para todo o persoal de CDFG. 
Aceptando a proposta, na reunión bimensual da Xunta Directiva organicei un taller de comunicación que intentase satisfacer as necesidades da organización. Ao observar que nun dos temas incluídos na axenda do encontro non se atopou un debate de ideas que definise a postura da organización respecto á súa participación nos movementos sociais, aproveitei o tema para xerar o debate con técnicas de debate competitivo. Así pois, logo de compartir diferentes técnicas de comunicación non verbal, construción do discurso, pautas sobre a forma e contido da mensaxe, propuxen dividir aos asistentes en dous grupos: un a favor e outro en contra da participación de CDFG no Movemento MASS-VIDA. Os propósitos eran: o traballo en equipo para lograr a coherencia interna; a construción de argumentos, profundar neles e buscar evidencias que apoien os seus razoamentos; e mellorar a súa capacidade de refutación e contrargumentación. De momento é cedo para ver os resultados, pero o momento do debate foi divertido, didáctico e súper interesante.

Explicando a importancia da comunicación e ensinando algunhas ferramentas útliles para elaborar discursos, argumentarios e transmitir a mensaxe.

Dinámica de debate sobre a participación de CDFG no movemento MASS VIDA.


PCR AUGA

Os PCRs de auga, que imos estar durante tres meses aprendendo e axudando no que poidamos no proxecto que leva en marcha desde o 2013, sobre o dereito humano á auga no sur de Honduras, tamén vos iremos contando todas as cousas que viñemos facer, pois ainda que o pareza... non só viñemos a pasear!! ;)
Unha soa noite no Triunfo e de volta a San Lorenzo. Alí asistimos como parte de ESF á reunión de coordinación da Fase 3 do proxecto, onde puidemos coñecer ás contrapartes de Honduras: NASMAR (Mancomunidade de 7 municipios do sur de Honduras) e AHJASA (Asociación Hondureña de juntas administradoras de sistemas de aguas).
Os seguintes 3 días asistimos ao curso de formación en GvSIG-Fonsagua, que nos deu Mireia de ICARTO.  Alí estivemos cos técnicos municipais aprendendo a traballar co programa, que é un sistema de información xeográfica que está deseñado especialmente para Honduras e serve para o manexo da información do plan de xestión integrada do recurso hídrico (PXIRH).

Capacitación en GvSIG-Fonsagua dos técnicos municipais e os PCRs no local de NASMAR.
Con este programa estamos a traballar no día a día, introducindo os datos de campo que os técnicos foron recollendo ao longo deste ano. Axúdanos a familiarizarnos coas Comunidades, os seus nomes e localización, as costumes da sociedade e as características do terreo e a flora do lugar, entre outras cousas. 
Xa formadas e con ganas de ir a terreo, comezamos nunha comunidade chamada Tres Piedras, onde se elaborou unha ficha social con datos da comunidade  recollidos en Asemblea, e unha ficha técnica localizando cada casa, fontes, pozos, e analizando os seus caudais e parámetros físicoquímicos de calidade da auga. Tamén se fixo un pozo perforado e foi un éxito!! Saíu auga en abundancia suficiente para abastecer a toda a comunidade, unha alegría! A partir de agora haberá que ir detallando o trazado do abastecemento de auga para cada casa.

.Elaboración da ficha social en Tres Piedras. Abaixo, facendo croquis da comunidade. Arriba, respondendo ás preguntas da ficha en asemblea con representantes de cada vivenda























Elaboración da ficha técnica de Tres Piedras. Localización das coordenadas dos pozos, toma de mostras de auga e analíticas. 
Tamén estivemos a visitar outra comunidade chamada 12 de Febrero, na fronteira con Nicaragua, preto do volcán San Cristobal. Alí hai augas termais que empregan tradicionalmente para curar moitas enfermidades, especialmente as relacionadas coa pel. En 12 de Febrero xa dispoñen de un pozo, e as actividades que estivemos a facer foron de localizar en detalle os lugares por onde se van dirixir as tuberías de abastecemento, con axuda dunha estación total. A xente é encantadora e as súas comidas riquísimas! Que ben o pasamos.


Arriba, traballo de campo coa estación total para o levantamento dos puntos topográficos. Abaixo, foto de grupo coa comunidade de 12 de Febrero ao remate da xornada.

Outras comunidades que visitamos foron Alto de doña Julia e Las Arenas, onde asistimos á perforación de un pozo e ás reunións de coordinación entre as dúas comunidades, pois despois da alegría de ter unha nova fonte de auga, toca coordinarse e traballar para darlle avance ao proxecto de abastecemento.


Arriba, momentos previos ao traballo da máquina de perforación do pozo en Las Arenas. Abaixo, reunión de coordinación entre as comunidades de Alto de doña Julia e Las Arenas.
Nestas reunións acompañamos aos técnicos de NASMAR e AHJASA, Héctor e Manuel, que, ademais do traballo técnico, fan un traballo ben importante de concienciación e empoderamento sobre o recurso hídrico. É importante que a poboación sexa consciente das súas necesidades e que loite por conseguir un acceso digno á auga, coa mínima dependencia de institucións.
O obxectivo último de proxectos coma este, no que temos a sorte de estar formando parte con ESF, é que a sociedade se organice por si mesma e defenda o seu: solo, auga, ríos, mares, bosques... como parte integral da vida e fonte de saúde.

. E á saída dos traballos en oficina, a disfrutar dun chocobanano

25 jul 2017

Crónicas galecatrachas

Capítulo 1. Comeza PCR 2017 (por Adrián López)


Ey! Que pasa chavales, todo bien? Todo correcto? Y yo que me alegro!!... ejem ejem, perdoade rapaces, que isto de publicar na internet subese rapido a cabeza... Bueno, como anuncia este titulo, chegou pa ben ou pa mellor o PCR 2017!! Todos estabades agardando mais esta temporada ca de Game of thrones, pero estamos de volta!! Esta tempada, cambian os actores, o mais puro estilo True Detective, e despois de recibir as mellores leccións dos nosos veteráns, Irene, Marcos e Miguel, collemos o seu legado tres intrepidos padawan: polo lado de auga,Vero e Adrian encargaremonos de que os mosquitos de El Triunfo non pasen fame, dandolles asistencia humanitaria todalas noites, e polo lado de agro, Dani será o gardián do manglar, o vixiante da ria de Fonseca, e militará nas filas de San Lorenzo. De esta maneira, poñemonos de camiño como bós galegos que somos alá para as americas, buscando o progreso tamén como antano, pero dunha maneira un pouco diferente a como a facian os nosos devanceiros. Nós mais que mais que tratar de chegar con un Mercedes novo do trinque e cun traxe branco fardando a romería de Santo Eulalio de Frades o noso progreso vai ir mais dedicado a alma. O obxectivo principal será introducirnos nunha sociedade e cultura moi diferente a nosa, tanto que creo que non teñen nin pimentos de Padrón... e ver como nos amañamos para adaptarnos tanto ó clima como as costumes, para que podamos aprender o máximo, e aportar anque sexa un pequeno grán de area difundindo cono vive aqui a xente e a que problemas se teñen que atañer. Para facervolo chegar a vos, queridos pecerrebeliebers, invocamos e creamos esta nova sección, as Crónicas Galecatrachas, donde vos iremos poñendo ao loro de como vai a nosa vida por alá, e das aventuras e adveridades que pasaremos esta nova remesa de gringos in Honduras!! Permanecede atentos!!

Capítulo 2. Viaxe a Honduras (por Daniel Regueiro)


Partimos de Galicia un xoves e chegamos a Honduras un sábado, pasando por Madrid, Toronto e Houston. Este itinerario foi a primeira proba dura que os PCR tivemos que pasar, preparando así os nosos sentidos para estar en alerta todo momento. Logo de ir superando os obstáculos, fomos extraendo as seguintes conclusións, que serven de consellos para futuros PCR e viaxantes en xeral:

1. Dereito a unha indemnización se Renfe se retrasa

O Alvia que nos levou a Vero e a min dende Compostela chegou cunha hora e media de retraso a Madrid. Ao ser un retraso superior a unha hora, Renfe concédenos o dereito de solicitar a devolución do prezo do billete a partir do día seguinte dentro dun período de catro meses. En realidade isto máis que un consello é un recordatorio para lembrarnos ao noso regreso que deberemos acudir a unha das oficinas de Atención ao Cliente para facer valer o noso dereito.

2.  eTA non é ESTA

En Madrid, pareceunos gracioso cando unha operaria da compañía Air Canada se nos achegou na cola de facturación para preguntarnos se tiñamos o eTA. Adri, Vero e eu respondimos afirmativamente moi seguros de que entre as nosas pertenzas tiñamos o visado para entrar en Estados Unidos (o ESTA), pensando que con eTA se refería ao ESTA con acento latino, xa que a operaria era latinoamericana. Os risos duráronnos até que chegou o noso momento de facturar e o rapaz do mostrador nos pediu o eTA. “Sí, sí, aquí tengo el ESTA”, lle dixen. “No; el eTA, el visado para entrar en Canadá”. E aí calei. Deseguida nos apartaron e nos informaron como conseguir o eTA, facendo unha solicitude por internet a través dos nosos teléfonos móbiles. A sorte quixo que a solicitude de Adri máis a miña nos viñesen aprobadas en menos de 5 minutos. Porén, Vero conseguiuna no último minuto para poder facturar. Afortunadamente o avión saía con retraso, o que nos deu marxe de tempo, pero algunhas persoas quedaron en terra.

Lección: eTa é o visado para entrar en Canadá (e Australia); ESTA é o visado para entrar en Estados Unidos. Non hai que confundilos, por moito acento latino que teña a persoa que nos está preguntando se temos o eTA.
Lección 2: Asegúrate de viaxar con batería no móbil (consello patrocinado por Adri).

3. Un retraso pódete levar a ver Toronto-ntero

Así como o retraso da hora de saída do avión de Madrid a Toronto nos axudou a solucionar o problema do eTA, e polo tanto a emprender a viaxe, ese mesmo desfase fíxonos perder a seguinte conexión do noso itinerario. Efectivamente, nunha escala de dúas horas pódese perder o seguinte avión a Houston. O normal nestes casos é que a compañía che asigne de oficio outro voo e te informe del antes de aterrar. Pero como a nosa viaxe non era normal, a nós non nos asignaron outro voo. Así que, mantendo a calma e o sentido do humor, dirixímonos aos mostradores da compañía para reclamar outra conexión. Air Canada ofreceunos un voo a Houston que saía en 5H, o suficiente para agarrar un tren que nos levase a ver Toronto. Logo dun paseo de dúas horas no que vimos a torre dende a que se ve Toronto-ntero (Vero non sabía que existía de verdade), voltamos ao aeroporto, pasamos os controis de aduanas estadounidenses e sumámoslle 3 ou 4 horas máis de voo ás 8 que xa levabamos ás costas. Si, aínda é venres.

Escala en Toronto

Lección: Se perdes a conexión con outro voo por retraso (da compañía), non desesperes. Reclama outro voo e intenta desfrutar da escala da mellor forma posible, como dando un paseo pola cidade.
Lección 2: Non lle temas ás autoridades aduaneiras americanas, témelle máis ás escalas de curta duración.

4. Houston, temos un problema… onde están as maletas?

En canto chegamos ao Aeroporto Adolfo Suárez Madrid-Barajas, os tres decidimos embalar as maletas, quedando estas ben identificadas cun plástico verde chamativo. Mais, se os PCR non subíamos ao avión en Madrid polo eTA, as maletas tampouco se podían facturar. Se os PCR viaxabamos nun voo con retraso, as maletas tamén perderían a súa conexión co seguinte voo do itinerario. Se os PCR conseguiron outro billete para Houston, as maletas… WAIT! Onde están as maletas?
Air Canada en Toronto: Do not worry. Your luggage is also flying to Houston in the same flight as you.
Confiamos neles. 
Cando xa estabamos agardando a que chamasen aos pasaxeiros para embarcar no avión, divisei na pista as nosas maletas, identificadas polos plásticos verdes, a punto de ser subidas. Cando chegamos a Houston fomos con entusiasmo a buscar as nosas maletas verdes, pero, como xa ocorrera en Toronto, as nosas maletas non estaban na cinta. De novo, acudimos ao mostrador de Air Canada.
Air Canada en Houston: …. (non había ninguén)
Como xa estabamos cansos (si, aínda era venres para nós). Dirixímonos ao hotel a durmir catro horiñas, as mesmas que durmíramos en Madrid. Ao día seguinte, logo de comer un almorzo americano, volvemos ao aeroporto a preguntar: onde están as maletas?
United Airlines Terminal E: Air Canada has your luggage. Go to Terminal A to claim for it.
Air Canada Terminal A: Your luggage has ben already transfered to United Airlines.
United Airlines Terminal E: Go to ask to United Airlines Baggage Services in Terminal C.
United Airlines Terminal C: Air Canada solo ha transferido el equipaje de Vero. Ustedes deben tomar el avión a Tegucigalpa y reclamar allí por sus maletas en caso de que no hayan llegado.
A 20 minutos de que saíse o avión, sen saber onde estaban as maletas, decidimos sacar as tarxetas de embarque e intentar tomar o avión a Tegucigalpa. Logo de correr por todo o aeroporto para chegar a tempo, cando estabamos no pasadizo cara a entrada do avión volvín a divisar unha maleta verde na pista, separada das que estaban cargando. Nun intento desesperado porque as nosas maletas chegasen a Honduras, Vero pediulle a un operario da compañía que fose abaixo para dicirlles aos seus compañeiros que subisen as maletas con plástico verde ao avión. Grazas a el, as maletas voaron connosco a Tegucigalpa.

Gofre coa forma do Estado de Texas

Lección: Pregunta tantas veces como necesites até saber onde están as túas pertenzas. Se tes que preguntar a 15 persoas, tamén. 
Lección 2: Vai con tempo ao aeroporto para non ter que andar apurado co pensamento de “xa non damos subido ao avión”. 
Lección 3: Bótalle un ollo á pista do aeroporto para ver se soben as maletas no avión ao que te vas a subir ti (consello patrocinado por Dani).
Lección 4: Embalar as maletas dos que viaxedes xuntos con plástico verde axuda a que as identifiquen.
Lección 5: En USA e Canadá hai moitos traballadores hispanofalantes, pero por moitos hispanofalantes que atopes, non todos os traballadores falan español. (lección aprendida por Vero).





Capítulo 3. Primeiras horas en Honduras (por Vero Torrijos)


…E, por fin, chegamos!! Todos os contratempos que nos sucederon na viaxe cambiáronse por graos de temperatura! Agora xa relaxados e acollidos por Raquel (só levamos unhas horas con ela e xa podemos dicir que a adoramos). Mentres escribimos isto xa é noitiña, estamos a 31ºC e escóitanse os grilos, os gekos e as rás, que están arredor de nos e parece que se achegan a darnos a benvida ao fogar do Triunfo (cando vaiamos para a cama, seguramente os zancudos tamén nos darán unha benvida que non nos ha gustar tanto...). Para estar eiqui esta segunda noite hondureña, foi un tamén longo traxecto que comezou coa viaxe do aeroporto a San Lorenzo, menos mal que nos acompañou o hondureño Danis e nos puxo ao día coas meteduras de pata de vocabulario que iamos cometer... e que de feito aínda cometeremos..., pois “cogimos” un montón de cousas, pensamos que podiamos pedir unha ración de polbo nas “pulperías”, confundimos “golosinas”, “lápices”....  

Nas retencións da estrada de Tegus a San Lorenzo dábanos tempo a estirar as pernas.

Chegamos a San Lorenzo, paseamos as súas rúas e saboreamos as comidas típicas, antes de deitarnos metidos por primeira vez nunha mosquitera (toda unha experiencia de instalación!).
Primeira noite con mosquiteras
Xa pola mañá, o almorzo deunos enerxía, con aguacates, bananas, frijoles, ovos, tortas de millo e mesmo carne de chanchito, acompañado de zumes de froitas tropicais que alimentan só con ulilas. Preparados entón paraun paseo até os manglares e ver a paisaxe do Golfo de Fonseca (e deixando pendentes paseos en barca até a illa dos Paxaros ou a do Amor). Esta será a vila onde se instale Dani, o PCR de agro.

Desayuno catracho


E a viaxe continuou até asentarnos en El Triunfo, facendo parada en Choluteca para (como non!) probar mais comida típica. A primeira tarde no Triunfo coñecimos a Héctor e a súa familia que nos abriron as portas da súa casa e nos convidaron aos marañóns (anacardos) máis ricos que probamos na vida, recén tostados na casa, todo un manxar! E, como diciamos ao comezo, Adri e Vero, PCRs de auga, agora xa instalados no Triunfo na casa de Yasira e a súa familiia, un fogar entrañable e acolledor, só nos queda descansar e agardar a mañá, pasado,... e aos vindeiros 3 meses e todas as experiencias e aprendizaxes que nos deparan. Con moitas ansias e entusiasmo, comeza a vivencia PCR!! 

San Lorenzo, Valle.