27 sept 2017

Capítulo 7. Xira á Rexión de Trifinio

A semana pasada tiven a oportunidade de visitar a Rexión de Trifinio (punto onde converxen as fronteiras de Guatemala, O Salvador e Honduras, nunha xira coa delegación da Mesa de Ambiente, Xestión de Riscos e Adaptación ao Cambio Climático (Mesa AGRACC, polas súas siglas en español) da Rexión 13 – Golfo de Fonseca. Así pois, acompañado de representantes de CODDEFFAGOLF, Ayuda En Acción, Gobernación Choluteca, Plan de Nación, ADEPES, ACS Promasur, Consejo de Desarrollo Región Golfo de Fonseca,  El Heraldo, e Alcaldía San Marcos de Colón, alá fun catro días. Dous deles de viaxe e dous deles cargados de interesantes actividades para coñecer a cooperación transfronteiriza destes países.

Delegación da Mesa AGRACC acompañados de técnicos do Plan Trifinio nunha das súas instalacións en Sinuapa, Ocotepeque (Honduras).


A rexión está conformada por 22 municipios de Honduras, 8 municipios do Salvador e 15 de Guatemala, que abranguen un total de 7.541km2 e suman 819,000 habitantes, a gran maioría poboación rural (70%), un 42% en situación de pobreza e cun Índice de Desenvolvemento Humano (0.6) inferior aos promedios nacionais. A Rexión Trifinio alberga tres grandes cuncas hidrográficas dos ríos Lempa, Motagua e Ulúa que proveen servizos ecosistémicos aos tres países. Os seus principais problemas ambientais son: contaminación por desfeitos urbanos e agrícolas, inestabilidade de taludes, erosión e sedimentación, deforestación e incendios forestais - nas últimas décadas ten perdido más do 30% de cobertura boscosa-, e inundacións. Cabe recordar que esta rexión atópase dentro do coñecido como Corredor Seco de Centroamérica.

A poboación estase concienciando da importancia do coidado dos bosques para dispoñer de auga.

O día 20 estivemos en Esquipulas (Guatemala). Alí, no Centro de Visitantes de Plan da Arada realizáronse tres presentacións que nos permitiron coñecer en terreo o Programa Bosques e Auga do Plan Trifinio, máis especificamente o seu Modelo Forestal: compensación por servizos ecosistémicos hídricos. Este modelo foi implementado a partir de 2012, co apoio da cooperación alemá, en tres microcuencas piloto: As Balanzas, Marroquín e O Volcán. O obxectivo do proxecto é desenvolver e difundir metodoloxías e aprendizaxes dos arranxos locais en base aos mecanismos de Compensación por Servizos Ecosistémicos asociados á provisión da auga (CSEH). O contexto previo relacionado á xestión dos recursos do bosque e a auga era a prevalencia do interese individual sobre o comunitario, evidenciado polo baixo nivel organizativo das comunidades e a degradación da microcuenca. Con todo, a través do proxecto conseguiron impulsar redes solidarias e altruístas de conservación dos recursos ecosistémicos mediante incentivos. O método é constituír arranxos institucionais a nivel local no que as comunidades, propietarios dos terreos, organizacións de base, como as Xuntas de Auga, Organizacións non gobernamentais, e institucións gobernamentais acordan compensacións para garantir a conservación e/ou rexeneración dos bosques. Un dos exemplos destes arranxos é que a Municipalidade de Esquipulas comprométese a mellorar o acceso viario ás comunidades a cambio de que estas protexan o bosque. Unha das iniciativas máis destacables do proxecto, que tamén foi presentada, é a creación do Fondo Verde, unha organización con participación de sete comunidades, xestionada por elas mesmas e liderada por mozas. O obxectivo deste fondo é recadar diñeiro para a xestión da auga e dos bosques. Para iso estableceuse unha cota de 144 quetzales por ano, sendo 120 investidos á potabilización e mantemento da auga, e 24 para o coidado dos bosques a través do pago por servizos ecosistémicos aos propietarios da zona (contabilízanse 78 propietarios), a cambio de que estes se comprometan a non explotar os bosques. Despois de dous anos de existencia, o Fondo Verde ten recadados 30.000 quetzales en fondos para a capitalización do proxecto, o que asegura a súa sustentabilidade e a do proxecto, cando finalice o financiamento externo. Como visión estratéxica, está a estudarse a forma de ampliar a participación da poboación urbana no Fondo Verde, pois é o núcleo de Esquipulas o que consome máis recursos hídricos (75%).

Centro de Visitantes Plan de la Arada, microcunca El Volcán, en Esquipulas (Guatemala).


Dinámica que realizan nas comunidades para deseñar un plan estratéxico de acción de maneira participativa. A través dunhas imaxes con debuxos se identifican as necesidades prioritarias da poboación local.

Xa pola tarde, na oficina do Plan Trifinio explicóusenos a súa orixe e evolución. O Plan Trifinio selouse o 12 de novembro de 1986 co acordo dos tres gobernos nacionais de Honduras, Guatemala e O Salvador e co apoio da Unión Europea (UE), a Organización dos Estados Americanos (OEA) e o Instituto Interamericano de Cooperación para a Agricultura (IICA). O motivo principal deste acordo foi a conservación forestal enfocada na defensa do bosque nubrado que se sitúa no macizo de Montecristo, onde se atopa o Punto Trifinio. Este compromiso de cooperación transfronteiriza a nivel rexional e local dáse no marco dos acordos de paz contemporáneos.
No ano 1992 desenvolveuse o primeiro Proxecto Piloto Trifinio co investimento da UE para contribuír ao desenvolvemento sustentable e ao proceso de integración Trinacional na rexión fronteiriza do Trifinio. Máis adiante, en 1997 asinouse o Tratado do Trifinio, baixo o lema “auga sen fronteiras”, dando así inicio ao proceso de institucionalización, creando unha rede estruturada de organizacións do Trifinio. Este Tratado está unicamente supeditado ás constitucións das repúblicas dos tres países. Por iso, conformouse a Comisión Trinacional do Plan Trifinio (CTPT), con personería xurídica propia, como máximo órgano decisor. Nel reúnense os vicepresidentes de Guatemala e O Salvador, e a persoa designada polo goberno hondureño. A Secretaría Executiva Trinacional, que dispón dunha Dirección Executiva en cada país, é o órgano que se encarga do funcionamento e o desenvolvemento do Plan Trifinio, apoiada pola Xerencia Técnica Territorial, con oficinas nos tres países. Ao mesmo tempo existe un Comité Consultivo, no que están representadas as Alcaldías, Gobernacións e Organizacións da Sociedade Civil da zona. Desde entón, nestes 30 anos de existencia, viñeron desenvolvendo tres programas: Programa Bosques e Auga, sustentado en tres modelos (forestal, agroforestal e silvopastoril); Ordenamento de Turismo Sustentable; e Fortalecemento de Cadeas de Valor (café, froiteiros e leite).
Un dos proxectos máis exitoso que se executa no marco do Plan Trifinio é o Modelo de Adaptación ao Cambio Climático, presentado no cume mundial de 2016 sobre o cambio climático: Conference of Parties 22 (COP22). Este proxecto, desenvolvido na mancomunidade Copanch'orti', baséase en xerar capacidades de resiliencia ao cambio climático, combinando coñecementos científicos e ancestrais, co obxectivo de garantir o uso sustentable e responsable dos recursos e o incremento da capacidade produtiva das comunidades locais.



Ao día seguinte, xoves 21, desprazámonos da cidade de Esquipulas (Guatemala) a Sinuapa, Ocotepeque (Honduras), visitando en primeiro lugar a Asociación de Municipios do Val de Sesecapa (AMVAS). Alí coñecemos as experiencias en proxectos de produción sustentable do café, como a creación dunha Mesa Trinacional de Café, que contaba con representantes de asociacións produtoras, gobernos locais, organizacións da sociedade civil e empresas distribuidoras.

Ao mesmo tempo presentóullenos a Rede de Mancomunidades Rexión de Trifinio, que suma a 12 mancomunidades co obxectivo de fortalecerse institucionalmente, logrando facer máis incidencia política a nivel nacional, e de articular iniciativas de gobernanza a través de proxectos con financiamento da cooperación internacional. No marco desa cooperación realízanse intercambios de experiencias exitosas entre os tres países que abordan: impulso das políticas públicas, estratexias para unificar as experiencias entre os municipios, descentralización dos servizos públicos e a incorporación de sistemas de manexo de augas residuais.

Sempre puxemos atención e tomamos nota das presentacións do persoal técnico do Trifinio.
Acto seguido, a delegación da Mesa AGRACC trasladámonos ás instalacións da Mancomunidade Trinacional Río Lempa, onde escoitamos ao seu coordinador Héctor Aguirre. Alí mostrounos o seu traballo de implementación de políticas públicas orientadas a mellorar diferentes indicadores da rexión: Índice de Desenvolvemento Humano (0.5); poboación en situación de pobreza (59.1%); poboación analfabeta (30.5%); desnutrición crónica infantil (máis do 30%); poboación sen acceso a auga segura (máis do 40%); e altos índices de desemprego e migración. Estas problemáticas abórdanse desde diferentes proxectos que contan coa asistencia técnica e financeira de axentes da cooperación internacional, tales como a axencia de cooperación alemá (GIZ), a Unión Europea, a Comuna de Milán, a Deputación de Huelva ou a área Metropolitana de Barcelona e outras institucións. O resultado de todo este traballo convértese na implementación de cinco políticas públicas locais transfronteirizas: territorio indivisible, que persegue o manexo sustentable do territorio adecuándoo ás normativas nacionais; fame cero, que persegue o obxectivo de erradicar a fame e a pobreza; cidade limpa, que busca implementar un sistema de manexo integral de tratamento de refugallos sólidos para asegurar a limpeza das áreas urbanas; e bosques para sempre, que pretende a conservación e o usos sustentable das áreas naturais.

A conclusión foi que despois de 9 anos de traballo, conseguiron fortalecer os gobernos locais no seu rol como implementadores de políticas públicas locais, xerando un cambio de visión na xestión pública e contribuíndo á cultura política de cooperación e gobernanza. Un exemplo dese cambio de modelo de xestión pública é a iniciativa de crear unha plataforma en liña na que compartir información accesible aos sucesivos gobernos locais para evitar que cando un goberno leve consigo todos os datos en lugar de cedelos ao seguinte (páxina web: http://sintet.net/). En perspectiva, o traballo da mancomunidade tamén contribúe á integración centroamericana e a motivar un cambio global a través de iniciativas locais desde pobos organizados. É por iso, que nesta reunión animouse á Mesa AGRACC a liderar un proceso de diálogo e cooperación transfronteiriza entre Honduras, Nicaragua e O Salvador, en base ao trifinio marítimo localizado no Golfo de Fonseca.

Yajaira, técnico de CODDEFFAGOLF, coordinadora da Mesa AGRACC, foi a organizadora da xira.
Despois de xantar, desprazámonos ao municipio de San Ignacio, Chalatenango (O Salvador). Alí, na oficina territorial do Trifinio, se falou do obxectivo que ten a plataforma baseado na procura da dinamización da economía a nivel rexional nos tres países, potenciando as cadeas produtivas, o turismo sustentable e o desenvolvemento rural territorial. Por iso, trasladámonos á comunidade do cantón as Granadillas, moi preto da fronteira con Honduras. Alí visitamos a leira do Carmen, propiedade de Don Ignacio Salquero, co fin de escoitar as súas boas prácticas e experiencias. A través das súas palabras coñecemos o proxecto que se radicou na zona desde o ano 2007, implementando obras de conservación de chan, barreiras vivas e construción de acequias, produción de repolo e plantacións de aguacate. Nas leiras beneficiarias polo proxecto implementouse a incorporación de abonos agroecológicos, como é a fabricación do bocachi.

A máis de 2.000m de altura, os veciños da Comunidade de La Palma, municipio de San Ignacio, Chlatenango (O Salvador), contáronnos como a súas producións, como a de aguacates, melloraron grazas aos abonos orgánicos. Tamén recibiron capacitacións de agroecoloxía.
Posteriormente visitouse a comunidade da Palma no municipio de San Ignacio, a fin de coñecer a experiencia da cooperativa ACOPHASS, conformada por socios poboadores e líderes da comunidade, constituída por 32 membros dos cales 26 son homes e 6 mulleres. A cooperativa converteuse nunha oportunidade de xeración de emprego para mozos especialmente para mulleres solteiras. A cooperativa abastece a pequenas comerciantes na capital do Salvador, dinamizando a economía local. Coa organización da cooperativa e desde o apoio do proxecto plan Trifinio, veuse dinamizando os agros negocios locais impulsando os procesos de comercialización, e de xeración de oportunidades de emprego. Tamén se fortalecen estes espazos coa promoción de feiras do mercado para comercializar os produtos.

A riqueza cultural desta rexión era máis que evidente a través dos seus produtos artesanais. Só en Guatemala viven 23 pobos étnicos con cadanseu idioma.

Ao termo da última actividade da xira, a delegación da Mesa AGRACC realizou unhas reflexións finais que deron lugar ás seguintes conclusións:

  • A rexión de Trifinio é un exemplo da solución de problemas transnacionais de forma cooperativa, evitando que se xeren conflitos. Por iso, sería desexable que un acordo trinacional similar realizásese no Golfo de Fonseca, sendo o punto trifinio onde converxen O Salvador, Honduras e Nicaragua. Desta forma, poderíase tentar, a través da cooperación transfronteiriza, o desenvolvemento económico sustentable e a protección e a conservación dos recursos mariño-costeiros.
  • Ao mesmo tempo, a experiencia do Plan Trifinio é un fito en Centroamérica, que contribúe á integración rexional e á o empoderamento dos gobernos locais, como actores emerxentes nas relacións internacionais e axentes do cambio global cara a modelos de desenvolvemento sustentable e adaptación ao cambio climático.
  • As estruturas de gobernanza formadas entre institucións gobernamentais, gobernos locais, ONGs, organizacións de base e empresas xeran espazos de diálogo acerca do desenvolvemento da economía local, propiciando actuacións coordinadas, estratéxicas e sinérxicas. De especial relevancia son as mancomunidades, como órganos fortalecedores dos gobernos locais nos seus roles de implementadores de políticas públicas que provean servizos públicos básicos á poboación.
  • Destácase o emprego da metodoloxía compensación por servizos ecosistémicos como incentivos altruístas e solidarios eficientes para a conservación e protección dos bosques e concas hidrográficas. É importante buscar fórmulas como estas que contribúan a garantir o acceso das poboacións á auga, especialmente en zonas de escaseza como as que se atopan no Corredor Seco de Centroamérica.

Tamén nos quedou algo de tempo para coñecer a Basílica do Cristo Negro de Esquipulas, un centro de peregrinación que recibe até un millar de persoas cada ano.

25 sept 2017

Ola Sanotee! Cal é o teu consello?



Aquela campaña de sensibilización de boas costumes, adicada principalmente a nenos de finais dos 90 (anque tamén valida para moitos adultos), era unha campaña que lembramos ben moitos galegos. Con el sabiamos distinguir os hábito que están mal, están moi mal, dos que están ben.  
Aquí en Honduras existe un problemas grave de hábito, neste caso non só se trata de que non laven os dentes ó marchar para a cama, ou non leven o estudio o dia. Trátase de que facer co lixo. A despreocupación por parte da poboación catracho en canto hábitos de recolección de desfeitos pide a berros que Sanote sexa PCR 2018.  
Un dase de conta poñendo o primeiro pé en Centroamérica deste problema, as cunetas, as beirarrúas... Os plásticos forman parte do chan nalgunhas zonas tanto, que o pensamento de “total, un mais, que mas dá” cala profundamente na mentalidade hondureña.



Ilustración 1. Estación de autobuses de Choluteca

Pero isto non vén do cidadán de a pé, o problema ten o seu orixe mais arriba, as administracións locais teñen abandonada de maneira absoluta o tema da recollida de residuos e apenas existen (tendo sorte) algún punto donde se poida tirar o lixo. Así que, en pobos como o do Triunfo, o que se fai é que en cada casa se amontonen e se queimen os plásticos.


Ilustración 2. Punto de recollida no parque do Triunfo

O problema principal e que o uso de plásticos nas últimas décadas entendeuse dunha maneira rapidísima, tanto que hoxe en dia parece inimaxinable comprar calquera produto sen que fose envolto nunha pequena bolsa de plástico transparente. Sen Europa xa é esaxerado o tema dos envases, aquí incluso pódese dicir que vai mais alá, sempre falando en proporción a cantidade de produtos que están dispoñibles. As empresas e administración son as principais responsables disto, xa que para nada están interesadas en usar materiais mais “Earth friendly”.
Pola contra, esta rápida extensión dos plásticos no foi capaz de ser contrarrestada por unha eficaz xestión de residuos, e mais, esta atópase en pañais agora mesmo.
A maioría dos municipios non contan cunha estructura de vertedoiro aislada e ben saneada para a disposición final dos residuos sólidos, senón que o lixo vai a vertedoiros a ceo aberto, e incluso ata se queiman os materiais de refugallo sen ningún tipo de separación.


Ilustración 3. Queima de lixo no Instituto do Triunfo

Esta queima e sumamente practicada, e trae unhas consecuencias ambientais devastadoras, xa que se emiten gases sumamente tóxicos a atmosfera. Tamén se contaminan os solos, as augas e favorece a proliferación de insectos e baterias dañinas para a saúde.
Como exemplos de casos graves aquí no Triunfo, chamounos a atención o da poboación de Barrio Nuevo, preto do desvío das Hormigas, onde un pozo excavado secou tempo atrás, e a xente do pobo comezouno a usar de cremtarorio. Agora mesmo ese pozo está a rebosar de plástico, e non só é foco de numerosas enfermidades, senón que é unha entrada directa dos contaminantes dos materiais de refugallo os acuíferos locais.


Ilustración 4. Vertedoiro crematorio preto de San Marcos de Colón

O problemas ca auga aquí no sur de Honduras está ligado co da contaminación, por suposto. Como a auga non é potable, non se pode beber directamente da billa, polo tanto a auga potable véndese en embases, que van dende bidóns grandes de auga de unos 20 litros que son reutilizables, a bolsitas de agua de medio litro. Estas bolsiñas son moi populares, e tamén é moi popular tiralas polo chan desgrazadamente. Por iso que é isto e como a pescadilla que se morde a cola, canto mais contaminada está auga, mais se contamina para tratar de atallar o problema. Por iso é moi necesario que canto antes, que os hondureños e hondureñas (extrapolable o resto de Mesoamérica) tomen as rendas deste problema, a través de sistemas de sensibilizacion que vaian desde a mesma educacion que se recibe nas escolas, ata o propaganda por parte das institución locais e xerais.


Ilustración 5. Camiño chegando o rio Guale, no Triunfo

Por iso, as campañas de sensibilización agora mesmo móstranse imprescindibles, necesitase que a poboación vexa isto un problema primordial. Pero isto non é unha tarefa sinxela para nada.
Seguindo como exemplo no Triunfo, estudando as fichas sociais que se levan a cabo nas comunidades rurais, entre as necesidades primordiais atópanse a enerxía eléctrica, auga potable, escolas, ruas en condicións, letrinas, emprego, as enfermidades... en ningunha se atopa nunca a recollida do lixo. Isto é ben sinxelo, os hondureños non se preocupan do lixo, porque hai bastantes mais problemas diante nos seus rankings particulares. As administracións saben iso,  como problemas hai xa dabondo, tampouco lles interesa sensibilizar de novos problemas, e menos ainda se son difíciles de solucionar e implica un enfrentamento coas grandes organizacións.

O sanote catracho tería unha tarefa titánica aquí. Tan titánica, como necesaria.

24 sept 2017

Resumo do proxecto de agro 2017

Hai uns días, a Xunta de Galicia resolveu a adxudicación das axudas para proxectos de cooperación para desenvolvemento no exterior, resultando beneficiado dunha das subvencións o proxecto de  agro de Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia, xunto con CODDEFFAGOLF (Comité para la defensa y el desarrollo de la fauna y flora del Golfo de Fonseca) como socia, e o Cartolab (Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica) como entidade asociada. Desta maneira, xa se conta co monto necesario para executar as actividades que máis investimento requiren ao abeiro do Proxecto de fortalecemento das capacidades de incidencia política e xeración de alternativas produtivas sustentables de organizacións da sociedade civil vinculadas ao sector pesqueiro e agrícola a pesquena escala en sete municipios costeiros da Rexión 13 - Golfo de Fonseca, Honduras, con enfoque de soberanía alimentaria e defensa do territorio.

O proxecto está orzado en 244.892€, sendo un 91,87% do financiamento aporte do goberno galego, o equivalente a 225.000€, e ten un período de execución de 23 meses, de xaneiro de 2017 a novembro de 2018. Ao mesmo tempo, as súas accións abranguen a Rexión 13 - Golfo de Fonseca, concretamente nos municipios de Amapala, Nacaome, Alianza e San Lorenzo (Departamento de Valle) e Marcovia, Namasigüe e El Triunfo (Departamento de Choluteca).

Traballarase directamente con 385 familias organizadas en 7 grupos locais de agricultores/as e pescadores/as artesanais das comunidades de Playa Grande, Mapachín, San Lorenzo Centro, Agua Caliente e 21 representantes de organizacións civís e gobernamentais aglutinadas na Mesa Municipal de Seguridade Alimentaria e Nutricional (SAN) de Nacaome. Ademais, vincularanse á acción de forma indirecta, en primeira instancia, 1686 familias de agricultores/as e
pescadores/as doutras “seccionais” de CODDEFFAGOLF.

O contexto que engloba as accións contempladas no proxecto presenta as seguintes problemáticas: Débiles capacidades organizativas e de incidencia dos grupos locais.
  • Limitados espazos de participación e incidencia para os sectores primarios de pesca e agricultura.
  • Iniciativas agrícolas e pesqueiras desarticuladas dun enfoque de cadea.
  • Escasa valorización do territorio e da produción agrícola e pesqueira.
  • Políticas nacionais que ameazan a soberanía alimentaria e comprometen os recursos naturais.
  • Baixos ingresos familiares debido ao elevado nivel de desemprego.
  • Escaso acceso da muller e a mocidade a espazos de decisión e produción en zonas rurais.
  • Falta de metodoloxías innovadoras que melloren os procesos de desenvolvemento na área rural.

Así pois, agárdase que o proxecto incida no fortalecemento doutras Organizacións da Sociedade Civil que defenden e promoven o sector primario de pequena escala, entre as que se atopan cooperativas e grupos organizados de pescadores/as e agricultores/as, ou de marisqueiras, asociacións locais e internacionais que traballan na zona no ámbito da soberanía alimentaria e a defensa do territorio. Tamén se espera que os espazos de concertación social e participación nestes dous ámbitos saian fortalecidos.

Para ter unha visión máis completa do proxecto, no seguinte cadro relaciónanse os obxectivos e resultados perseguidos coas actividades a realizar para a súa consecución. Cabe sinalar que algunhas delas xa se foron executando nestes meses de 2017.

Obxectivo xeral: Reducir a vulnerabilidade alimentaria con un enfoque de dereito e soberanía alimentaria en poboacións vulnerables do sur de Honduras
Obxectivo específico: Fortalecer as capacidades de incidencia política e de xeración de alternativas produtivas sustentables de Organizacións da Sociedade Civil (OSC) vinculadas ao sector pesqueiro e agrícola de pequena escala
Resultado 1.1 Fortalecidas as Organizacións da Sociedade Civil que promoven a soberanía alimentaria e a defensa do territorio.

Actividade 1.1.1 Diagnose de OSC que traballan nos 7 municipios en materia de Soberanía Alimentaria e Defensa Territorial.
Actividade 1.1.2 Implementación dun proceso formativo que potencie o liderado institucional e local.
Actividade 1.1.3 Deseño de ferramentas de xestión organizativa para grupos locais de pesadores/as e agricultores/as de pequena escala.
Actividade 1.1.4 Acompañamento aos grupos (pesqueiros e agrícolas) na construción dunha axenda local que promova a participación e incidencia en materia de Soberanía Alimentaria e Defensa Territorial.
Actividade 1.1.5 Implementación de ferramentas de arte lúdica para a superación de problemas e conflitos internos dos grupos.
Resultado 1.2 Ampliadas as posibilidades de medios de vida sustentables de agricultoras/es e pescadoras/es de pequena escala mediante procesos innovadores.

Actividade 1.2.1 Defensa e mellora participativa de variedades de millo criollo.
Actividade 1.2.2. Desenvolvemento de dúas pilotaxes para a maduración de emprendementos produtivos en grupos cun nivel de organización intermedio
Actividade 1.2.3 Creación dunha unidade xestión de mercados locais para a promoción de espazos formais de comercialización.
Actividade 1.2.4 Experimentación e monitoreo de iniciativas de cría de pargo en gaiolas como alternativa de produción pesqueira sustentable
Actividade 1.2.5 Capacitacións a grupos produtores para a mellora da calidade e a comercialización de produtos locais, con enfoque de identidade territorial

Resultado 1.3 Alcanzados procesos para a xeración de coñecemento en políticas nacionais que fortalezan a gobernanza do sector agrícola e pesqueiro.

Actividade 1.3.1 Implementación da Escola de Formación Política para os sectores produtivos.
Actividade 1.3.2 Participación de sectores produtivos en espazos de decisión, mesas e outros: reunións coa Secretaría de Agricultura e Ganadería (SAG), incluíndo a Dirección General de Pesca y Acuicultura (Digepesca).
Actividade 1.3.3 Edición de “leccións aprendidas” das iniciativas de desenvolvemento do sector agrícola e pesqueiro con impactos positivos xerados.
Actividade 1.3.4 Valorización da identidade territorial na zona de intervención.
Actividade 1.3.5 Cartografía participativa para a defensa do medio ambiente e promoción da identidade territorial entre a mocidade.


18 sept 2017

CAPÍTULO 6. FINDE EN AMAPALA

CAPÍTULO 6. FINDE EN AMAPALA

Como xa vos contamos sobre o noso tempo de lecer, as findes convertímonos en guiris. Guiris que van con autóctonos a sitios incribles e non tipical turist, pero engadimos as gafas de sol, agarramos a cámara de fotos, e alá vamos!
Esta finde tocou Amapala, unha illa no Pacífico. É a nosa favorita, e da igual que non viramos as outras, porque esta é impresionante, a conxunto coas súas xentes.

Amapala emerxeu no mar debido á erupción do volcán que lle da o nome á illa, agora extinto e cuberto de vexetación de selva tropical e un fervedoiro de biodiversidade. 


O mapa turístico da illa.


O grupo de viaxe, mestura de procedencias (3 de Honduras, 1 de Canadá e 3 de Galiza) e de sabedorías (desde fotografía, bioloxía, enxeñaría, políticas, ambientalismo...).



 O primeiro día dedicámolo a percorrer as praias da illa, comezamos a camiñar cara a praia de Zapote co ritmo tropical ao que nos estamos afacendo tan ben, a ver quen nolo saca cando esteamos de volta!
Así foi, que de camiño coñecemos a unha familia que nos abriu as portas da súa casa para ensinarnos as súas formas de traballar no mar, descubrimos aí o que son os curiles e os cascos de burro (estilo berberecho pero tamaño dinosauro), e tamén probamos unhas sardiñas que fan en conserva salgada, de nome pepescas. De camiño á primeira praia coñecemos a Mauricio, que se uniu ao grupo e estivo aprendendo a sacar bonitas fotos da súa illa.


 Aprendendo sobre o secado das pepescas e sacando fotos de Amapala.


A burbulla inmobiliaria e construír a pé de praia eiquí é outro concepto, non imaxinamos como sería en Galiza xantar coas cadeiras do bar na mera praia, cos pes a remollo sen que queden aterecidos pola temperatura da auga. E, moi importante, que os bares e restaurantes conten con hamacas para durmir a siesta, ou para descansar cando o pida o corpo, iso si que é unha boa idea. Aproveitamos para pedir o copyright disto, se algún día poñemos un negocio, vinde probar as hamacas!!

O día foi pasando e fomos coñecendo vilas mariñeiras con lanchas en cada praia, en cada impresionante praia co seu correspondente impresionante solpor.












 Mais, no paraíso tamén existe controversia, quédannos ganas de poder limpar todo o lixo que se acumula, tendo en conta que o primeiro será sensibilizar co obxectivo de que todos os plásticos non cheguen ao mar. Algo nos gustaría facer respecto a isto, non deixedes de ler as nosas crónicas.




A nosa primeira noite tampouco defraudou, sentimos os restos do furacán Harvey, que non afectou á costa do Pacífico de Honduras onde nos atopamos, mais chegou en forma de tormenta tropical, tormenta eléctrica de mais de unha hora, moi intensa para nós, e só unha brisa para os amapalinos, que afeitos aos cortes de luz na illa, nada mais rematar a tormenta, comezaron a música e a festa (grazas a un xerador) no bar da vila.

Ao día seguinte tocou madrugar, mais mereceu a pena para coñecer a selvática Amapala e subir ata o cumio do volcán que lle da nome. Polo camiño sorprendémonos con centos de aves, réptiles, bolboretas, árbores... e xa chegados arriba, marabillámonos coas vistas: El Salvador a un lado, Nicaragua ao outro, o océano Pacífico á fronte, e a nosa Honduras á outra fronte. E, coa nosa racha de alegría e boa sorte, tivemos a sorte de coñecer ao señor Maradiaga, gardián do cerro, ao que admiramos pola súa autosuficiencia de vida no cumio dun volcán: explicacións da colleita da yuca e da cociña do pitero (armadillo para nos), entre outras cousas.
  




A fin de semana rematou con moitas sensacións boas, agardamos voltar pronto e seguir desfrutando desta illa do Pacífico e das súas xentes.



















CAPÍTULO 5. TEMPO DE LECER

CAPÍTULO 5. TEMPO DE LECER

Ben, despois de dúas semanas de estar aquí, a verdade e que só podemos dicir que estamos encantados con tódalas cousas que aquí estamos descubrindo. O primeiro que choca e que parece imposible a priori, é que un pais que comparte lingua con nós, haxa tantas palabras distintas e expresións tan propias que até a veces non consigamos entendernos. E gracioso que moitas das palabras que para nós parecen totalmente inofensivas e de uso diario, aquí te fagan parecer un obseso sexual, moitas veces os propios catrachos non poden evitar esbozar un sorriso ó oírnos. A verdade que a coñita do verbo coger xa parece a de “A pique el portaaviones” de Los Simpsons. Continuamos a facer esforzo para introducir a palabra agarrar e tomar en sitios que moitas veces aínda me rechía nos oídos, e xa notamos que algunha expresión se nos vai adherindo de forma involuntaria ao noso uso, facéndonos pensar a veces como puidemos vivir antes sen ela.


Como método de inmersión, Vero e mais eu aquí no Triunfo tamén tratamos de almorzar (ollo, aquí o almorzo e o xantar, e o xantar en Portugal e a cea, asi que como moralexa non quededes pa comer cun catracho e un portugués á vez) algunhas das miles de froitas que aquí existen, facer unha listaxe delas daría para escribir outro blogue, pero algunhas das que probamos son as lichas, pequenas e un pouco acedas, as guayabas, mais secas, mangos, aguacates, piña, nances (non nos convenceron moito, aunque abundan moitísimos), semente de marañón (anacardos)... etc etc. As froitas aquí teñen un sabor especialmente intenso, o que moitas veces fai que che encante moito, ou te empalague pola cantidade de azucre que conteñen.



Lichas hondureñas


Durante a semana na que tivemos a reunión coas copartes e as capacitacións con Mireia, tamén tivemos un oco nunha noitiña para poder desfrutar das augas termais que brotan do río en Nacaome. Un sitio verdadeiramente espectacular, nin sequera o pato gardián das charcas conseguiu estragar, aínda que Danis nun momento de despiste foi vítima das súas poderosas mandíbulas. Unha velada encantadora, na que case cocemos como polos nalgunha das pozas (ríase vostede das termas de Ourense).



Nesa mesma fin de semana, puidemos disfrutar nunha escapada da artesanía de Lenca en La Arada, un pequeno pobiño ás beiras da panamericana, a poucos kilometros xa da fronteira con El Salvador. Alí, as mulleres lencas dan renda solta a todo o seu arte e o bon facer e deseñan todo tipo de artigos, usando exactamente os mesmos métodos e técnicas antigas. Cada peza é única e reflexa tanto as tradicións étnicas do lugar. Aquí vemos algúns exemplos.



Forno de Lenca



Tamén puidemos desfrutar da primeira navegación pola ría, nunha das barcas de feito do expresidente de Coddeffagolf. Facía aínda un sol de xustiza cando nos subimos a chalana, anque como veremos, cambiaría ben o conto. A ruta transcorría polo medio das miles de vexetacións de mangle que alí no golfo se atopaban, unha planta incrible, vida de Asia, que conseguía crecer pese a alta salinidade do golfo. A marea mais ou menos baixa permitíanos ver a parte de abaixo destas plantas desprovistas de follaxe:



Logo da pequena travesía chegamos a Praia do Amor, unha fermosa illa de area, onde o nivel da auga, pese a esta subindo a marea, permitía o baño, sempre rodeados desa fermosa vexetación por tódolos lados.



Tras isto, poñémonos rumbo a Illa dos paxaros, xa o lonxe, esta illa apreciábase especial respecto das outras do golfo, xa que se avistaba como un pequeno enxameo por encima. Esta illa era usada ocupada de forma masiva por todo tipo de paxaros (cormoráns, garzas, tijerillas, pelícanos, garcetas, avetorillos, espátulas rosadas...), asentándose ata destruír a súa vexetación, polo que cambiaban a outra, mentres esa se rexeneraba, e asi ciclamente por todo o golfo. Un espectáculo natural incrible, entrar nesa illa e verse rodeado de miles de paxaros (cos perigos que acarrexa esta acción, que llo pregunten a Vero e a Mireia, que foron vítimas dun ataque bombardeiro). 


E alí foi cando aconteceu.. unha nube de cor negro coma o chamizo púxose rapidamente riba das nosas cabezas. Descargaba raios que cruzaban o ceo e permanecían incluso segundos sobre el. Aínda o dia anterior bromeábamos con Xabi sobre que nunha tormenta ó mellor era estar no mar... pois alí nos atopábamos. O camiño de volta antollouse inquietante, pero os lostrego poñían ante nós un espectáculo de luces, que se quedara seguramente gravados nas retinas dos que alí estabamos. Conseguimos chegar sans e salvo a costa, e refuxiámonos da auga nun dos locais/restaurantes da praia. Incrible experiencia.

Ao terceiro finde da nosa estancia aquí, por causas do destino, aos camiños do grupo Auga e do grupo Agro dividíronse. Eu e Vero improvisamos unha fuxida a de fin de semana a León Nicaragua, xa que Guillermo, o fillo dos nosos caseiros, estudiaba alí nas fin de semanas. O madrugón foi prominente para marchar, xa que iamos para que Guille entrase en clase, aínda era de noite cando cruzamos a fronteira. Chegamos de maña cedo a León, e a verdade e que, pese a no ter bloques de edificios nin rúas ultra anchas, xa daba sensación de estar nunha cidade ben grande. Demos unha volta, acompañados dun guía e dunha parella española, e coñecemos un pouco mais a historia revolucionaria da cidade, os levantamentos sandinistas contra os gringos, as revoltas estudantís contra o goberno somocista, e un pouco das culturas precolombinas e das tribus dos Sutiava. Fíxonos especial gracia como as tribus facían mofa de forma moi picaresca dos españois colonizadores a través das suas festas, e da adaptación das súas costumes a relixión católica.

Tamén aproveitamos para visitar un volcán!!! O Cerro Negro, un volcán de xuventude nada común, xa que se erixiu no 1850 (e tempo xeolóxico, estamos falando de hoxe mesmo) e segue activo, a última erupción foi no 1999. Unha experiencia incrible, das que quizais só se fai unha vez na vida. Ademais que despois a baixada sería tamén moi espectacular, xa que baixariamos cunha especie de trineo polas lomas de gravilla do volcán.