¿De quién es la tierra? É a primeira pregunta que mostraba a pantalla mentres o persoal de CODDEFFAGOLF se instalaba paseniño na sala. Levan unhas semanas de durísimo traballo preparando o peche de todos os seus proxectos, que se viron notablemente afectados pola emerxencia da tormenta, pero igualmente asistiron e participaron moi activamente á capacitación de máis de dúas horas en Soberanía Alimentaria.
- "¿De quién es la tierra o de quién debería ser? La tierra es mía. La tierra es nuestra. La tierra es de los amigos (entre risas porque entraba Alcides, técnico de Amigos de la Tierra). Aunque la tierra ya no tiene amigos".
A presentación tocaba tres puntos fundamentais: diferenciación entre Seguridade Alimentaria e Soberanía Alimentaria, Modelo Agroindustrial e desenvolvemento da alternativa da Soberanía Alimentaria. Entre o segundo e o terceiro bloque proxectouse un pequeno apartado do documental "Nosotros Alimentamos al Mundo", traballo realizado polo cineasta austriaco Erwin Wagenhofer. Concretamente difundiuse a parte referida á destrución da selva en Brasil por culpa dos monocultivos de soia.
En xeral as persoas asistentes participaron moi activamente ao longo de toda a presentación, demostrando unha grande capacidade de relación entre as pautas presentadas e a súa realidade máis próxima. As principais impresións que saquei (dende o meu particular punto de vista) foron as seguintes:
- Necesidade de traballar a diferenza entre Seguridade Alimentaria e Soberanía Alimentaria. Entre Víctor e máis eu intentamos incluír exemplos ao longo de toda a presentación do que sería unha situación de Seguridade Alimentaria e o que sería Soberanía Alimentaria, pero débese seguir traballando.
- Moita capacidade de relación das pautas xerais tanto do modelo agroindustrial como da proposta da Soberanía Alimentaria con exemplos concretos da súa realidade (nese sentido, axudáronme moitísimo ao longo da presentación, un luxo).
- Interese sobre o tema. Asistiron todos e todas e participaron. Moi poucas veces se dispersaron, a pesar que non é a mellor época para capacitalos pola grande carga de traballo.
- Falta moita sensibilización en tema de xénero. Quixen pechar a presentación con ese tema, para que quedase como aspecto importante, pero houbo risas e, en xeral, son bastante consciente de que non entrou a reflexión. Penso que fai falla traballalo moito.
Esta capacitación tería sido totalmente distinta (moito menos intensa e profunda) de non ser polo enorme esforzo de Cristina Sesto do grupo de Agro que elaborou un documento no que se recollen con precisión e profundidade todos os aspectos tratados moi de vagar ao longo da exposición.
Resulta fundamental (e moi interesante) reforzar os coñecementos desta temática nun entorno no que o sistema de monocultivos e a acuicultura industrial están a destrozar e a empobrecer ao entorno e á poboación. Esta semana están programadas as capacitacións sobre Soberanía Alimentaria nas comunidades. Calquera idea, suxerencia ou comentario para facer os talleres o máis participativos posible será moi benvida!
No hay comentarios:
Publicar un comentario