O 16 de
outubro celebrouse o día “mundial” da alimentación. Este día non creo que o
celebrasen as afectadas por este dato: unha de cada nove persoas pasan fame no
planeta. Así se confirmou nas xornadas celebradas na sede de Madrid da AECID o
pasado 15 de outubro: “Agricultura
Sostenible y Cooperación al Desarrollo”. Estas xornadas
foron organizadas pola AECID e pola FAO, e nela participaron entidades como o MAGRAMA, a UPM, a UAL, a ANIA, o CERAI, a FIAES, Cáritas e VSF Justicia
Alimentaria Global. As xornadas mostraron datos
relevantes como que en agosto deste ano a humanidade entrou por primeira vez na
historia en débeda co planeta. Esta terminoloxía propia do mercado coincide coa
que se utilizou para xustificar que a agricultura ecolóxica (a certificada)
será a agricultura do futuro: as grandes distribuidoras prevén que en 15 anos a
demanda de produtos ecolóxicos superará o 50%. Isto é así porque o mercado, é
dicir, os consumidores decidimos o sistema de produción dos alimentos que
comemos. Semella que o consumidor medio é cada vez máis sensible aos problemas
ambientais derivados da produción de alimentos. O reto, por tanto, seica é
conseguir un sistema de produción máis eficiente, unha agricultura tamén
chamada climaticamente sostible. No contexto da cooperación ao desenvolvemento,
unha das dificultades que se identificou para superar este reto foi o feito de
que os resultados esperados da agricultura ecolóxica (a certificada) son a
longo prazo e os da cooperación son a curto prazo. Para superar esta
dificultade e garantir a seguridade alimentaria do planeta espérase que os
enxeñeiros agrónomos sexamos capaces de deseñar boas prácticas agrícolas, é
dicir, eficientes económica, ambiental e socialmente.
Empecei
a suar en frío, como ía durmir con esa responsabilidade?...
Despois
do descanso de media mañá pareceu mudar algo. Os relatores empezaron a falar de
música popular brasileira, “Plantar/ é muito mais profundo/Engrandece o mundo […]”, da necesidade de mudar a visión exportadora do actual
modelo cara a unha visión holística, con capacidade de restauración da paisaxe,
de non romper equilibrios, de non romper as relacións das persoas co medio, con
un mesmo e co transcendental; empezaron a falar de Servizos Ecositémicos, de
malnutrición e Soberanía Alimentaria vs. Seguridade Alimentaria, de Sustentabilidade vs. Sostibilidade, de Principio de Precaución, da necesidade
de campesiñado para que exista a Agroecoloxía e a Agricultura Familiar, de Enfoque de Xénero, de Educación Para o Desenvolvemento, da negación do pracer
(de comer) do actual sistema, da urxencia de recuperar procesos democráticos e
espazos de reflexión, de ecoloxía técnica mais tamén de ecoloxía política,
económica, social e afectiva, de Multidiversidade…
Esa noite durmín (só algo) máis
tranquila sabendo que, ao parecer, a fame de tantas persoas non depende (só) da
miña profesión nin (só) da decisión das consumidoras de alimentos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario