9 ago. 2017

Capítulo 4. Que facedes en Honduras?

A crónica galecatracha de hoxe intentará responder á pregunta das nosas seareiras que se preguntan entolecidas que é o tal PCR e que se nos perdeu en Honduras.

PCR significa Programa de Coñecemento da Realidade. Cando nos apuntamos á convocatoria de ESF, isto se nos dicía: "ESF GALICIA organiza o Programa de Coñecemento de Realidade co obxectivo final de promover unha cidadanía global crítica e solidaria, potenciando o proceso de aprendizaxe das persoas da nosa sociedade a través do coñecemento de primeira man das desigualdades entre países". Pero que significa todo iso na práctica?

Pois coñecer os problemas do sur de Honduras, a idiosincrasia do pobo catracho, a súa forma de vida, as súas loitas sociais, formas de organización, os proxectos de ESF, as nosas copartes, a xente, a cooperación, os resultados... Viñemos a coñecer todo e non ha quedar segredo en Honduras sen descubrir. Ou alomenos, iso intentaremos no sur.

Aquí é onde estamos, na rexión do Golfo de Fonseca. Adri e Vero viven en el Triunfo, departamento de Choluteca. Eu vivo en San Lorenzo, departamento de Valle. San Lorenzo dá ao mar, concretamente aos manglares da Bahía de San Lorenzo. El Triunfo é zona de interior, preto da fronteira con Nicaragua.

O certo é que levamos dúas semanas dende a nosa chegada a Honduras e semella que foi hai un mes, porque parece imposible pensar que todas as cousas que fixemos e todo o que aprendemos ocorreu en tan poucos días. Por iso, resumir todo iso vai ser unha tarefa difícil, por non dicir pouco factible, pero velaquí as actividades que fomos desenvolvendo ao abeiro do PCR:

PCR AGRO


1. Reunións do Convenio AECID

ESF, xunto con Veterinarios Sen Fronteiras e Amigos da Terra, forma parte dun Consorcio de ONGs  que está executando un proxecto de cooperación a catro anos, financiado pola AECID, no que participan copartes da zona sur e occidental de Honduras (CODDEFFAGOLF, ANAFAE, ADEPES, CODIMCA, La Vía Campesina). Este proxecto, denominado “Fortalecimiento de las capacidades de los y las campesinas organizadas, para establecer un sistema de desarrollo real, justo, equitativo y sostenible, que garantice el derecho a la alimentación, en Honduras. Convenio 14-CO1-293” ten como obxectivos fortalecer as organizacións copartes e as súas bases, aplicando un enfoque de xénero e políticas de xuventude, promover a incidencia política e mellorar a produción do campesiñado local. 
Este convenio atópase na fase intermedia de execución –vai polo terceiro ano–, polo que se realizou unha avaliación externa, que ocupou boa parte do tempo das reunións nas que tiven a oportunidade de participar: reunión do Consorcio co avaliador para transmitir os comentarios; reunión do Consorcio para aceptar ou rexeitar as recomendacións; reunión entre ESF e CDFG sobre o informe técnico do PAC 3 e finalmente a reunión de copartes celebrada na localidade de San Marcos de Colón durante os días 1,2 e 3 de agosto.

Encontro Nacional de Copartes do Convenio en San Marcos de Colón.

No Potrillo tivo lugar o encontro entre todas as organizacións do convenio, que seguiron unha axenda moi intensa e completa, coa que se puido cumprir case na súa totalidade. Desta maneira, falamos do contexto político de Honduras de cara a programar as seguintes accións, realizamos unha análise DAFO para obter as conclusións do que se debería mellorar e do que se debería continuar no Convenio, levamos a cabo interesantes reflexións sobre como conseguir os obxectivos, reestruturamos os indicadores e, o máis interesante, escoitamos as experiencias das persoas beneficiarias do convenio. Mulleres e xoves nos contaron como grazas á Escola de Formación Política e á Escola de Campo se empoderaron, aumentando a súa autoestima, capacitándose, e reorientando as súas vidas a actitudes máis saudables e sustentables.

Caixa Rural liderado por mulleres.

O encontro nacional de copartes rematou cunha xira de campo na comunidade La Albarrada, nunha contorna montañosa. Alí as mulleres lideran as organizacións comunitarias, como a Caixa Rural, unha iniciativa creada en 2011 que pasou de 2.000 lempiras a máis de 300.000, podendo así financiar proxectos locais. Ao mesmo tempo, amosáronnos o aprendido na Escola de Campo, a través das súas hortas biointensivas nas que conseguían producir alimentos variados de forma sustentable, logrando así a soberanía alimentaria. Cabe dicir que as mulleres e as persoas mozas da comunidade tamén estaban integradas nestas dinámicas: verdadeiras referentes!

La Albarrada.

La Albarrada significa "Rocha firme" e toma o nome das rochas que se ollan ao alto.
Campesiñas (mozas novas incluídas) e campesiños da comunidade de La Albarrada amosan orgullosas as súas hortas. Tamén aparece Juan Carlos, de ADEPES, o seu instrutor da Escola de Campo, unha das actvidades do Convenio.
As ONGs do Consorcio e cadansúas copartes visitamos unha das Comunidades para observar en terreo os resultados.

2. Reunións de gobernanza

A coparte local de ESF é CODDEFFAGOLF (Comité para a Defensa e o Desenvolvemento da Fauna e Flora do Golfo de Fonseca), CDFG de aquí en diante. É con esta ONG coa que desempeño a maior parte das miñas actividades, integrándome como un compañeiro máis da súa oficina, e habitando nas súas instalacións (un auténtico privilexio). CDFG é unha organización moi potente, con tres décadas de andaina, varios proxectos executados con diferentes ONGs internacionais e cunha personalidade moi activa nos foros de incidencia e espazos de gobernanza, tanto locais como a nivel rexional. Neste senso, CDFG asiste ás mesas de gobernanza local e municipal e tamén forma parte do movemento MASS-VIDA (Movemento Ambientalista Social del Sur por la Vida).
As mesas son espazos de gobernanza que integran tanto a organizacións da sociedade civil, empresas e institucións gobernamentais. Até o de agora participei nunha reunión conxunta das Mesas SAN (Seguridade Alimentaria e Nutricional) e AGRACC (Ambiente, Xestión de Riscos e Adaptación ao Cambio Climático) da rexión 13 Golfo de Fonseca. En dito encontro compartiuse tempo para a presentación de proxectos na zona, coma o Proxecto de Gobernanza Hídrica ou da constitución da Mesa SAN no municipio de El Triunfo. Tamén se debateu sobre as responsabilidades de ambas mesas na preparación do Foron Trinacional (Honduras, Guatemala e El Salvador) sobre as temáticas SAN e Cambio Climático.
Reunión conxunta das Mesas SAN e AGRACC.

3. Taller de comunicación

Unha das debilidades de CDFG é a falta de implicación das bases e das persoas líderes de cadansúas comunidades na organización, o que xera ausencia de debate interno e falta de cohesión na transmisión da mensaxe da organización ao resto da sociedade. Por este motivo, en reunións co Comité Directivo e a Dirección do Equipo Técnico de CDFG propúxoseme a posibilidade de impartir un taller de comunicación que xerase debate nas reunións da Xunta Directiva e que brindase ferramentas para a construción de argumentarios e discursos para todo o persoal de CDFG. 
Aceptando a proposta, na reunión bimensual da Xunta Directiva organicei un taller de comunicación que intentase satisfacer as necesidades da organización. Ao observar que nun dos temas incluídos na axenda do encontro non se atopou un debate de ideas que definise a postura da organización respecto á súa participación nos movementos sociais, aproveitei o tema para xerar o debate con técnicas de debate competitivo. Así pois, logo de compartir diferentes técnicas de comunicación non verbal, construción do discurso, pautas sobre a forma e contido da mensaxe, propuxen dividir aos asistentes en dous grupos: un a favor e outro en contra da participación de CDFG no Movemento MASS-VIDA. Os propósitos eran: o traballo en equipo para lograr a coherencia interna; a construción de argumentos, profundar neles e buscar evidencias que apoien os seus razoamentos; e mellorar a súa capacidade de refutación e contrargumentación. De momento é cedo para ver os resultados, pero o momento do debate foi divertido, didáctico e súper interesante.

Explicando a importancia da comunicación e ensinando algunhas ferramentas útliles para elaborar discursos, argumentarios e transmitir a mensaxe.

Dinámica de debate sobre a participación de CDFG no movemento MASS VIDA.


PCR AUGA

Os PCRs de auga, que imos estar durante tres meses aprendendo e axudando no que poidamos no proxecto que leva en marcha desde o 2013, sobre o dereito humano á auga no sur de Honduras, tamén vos iremos contando todas as cousas que viñemos facer, pois ainda que o pareza... non só viñemos a pasear!! ;)
Unha soa noite no Triunfo e de volta a San Lorenzo. Alí asistimos como parte de ESF á reunión de coordinación da Fase 3 do proxecto, onde puidemos coñecer ás contrapartes de Honduras: NASMAR (Mancomunidade de 7 municipios do sur de Honduras) e AHJASA (Asociación Hondureña de juntas administradoras de sistemas de aguas).
Os seguintes 3 días asistimos ao curso de formación en GvSIG-Fonsagua, que nos deu Mireia de ICARTO.  Alí estivemos cos técnicos municipais aprendendo a traballar co programa, que é un sistema de información xeográfica que está deseñado especialmente para Honduras e serve para o manexo da información do plan de xestión integrada do recurso hídrico (PXIRH).

Capacitación en GvSIG-Fonsagua dos técnicos municipais e os PCRs no local de NASMAR.
Con este programa estamos a traballar no día a día, introducindo os datos de campo que os técnicos foron recollendo ao longo deste ano. Axúdanos a familiarizarnos coas Comunidades, os seus nomes e localización, as costumes da sociedade e as características do terreo e a flora do lugar, entre outras cousas. 
Xa formadas e con ganas de ir a terreo, comezamos nunha comunidade chamada Tres Piedras, onde se elaborou unha ficha social con datos da comunidade  recollidos en Asemblea, e unha ficha técnica localizando cada casa, fontes, pozos, e analizando os seus caudais e parámetros físicoquímicos de calidade da auga. Tamén se fixo un pozo perforado e foi un éxito!! Saíu auga en abundancia suficiente para abastecer a toda a comunidade, unha alegría! A partir de agora haberá que ir detallando o trazado do abastecemento de auga para cada casa.

.Elaboración da ficha social en Tres Piedras. Abaixo, facendo croquis da comunidade. Arriba, respondendo ás preguntas da ficha en asemblea con representantes de cada vivenda























Elaboración da ficha técnica de Tres Piedras. Localización das coordenadas dos pozos, toma de mostras de auga e analíticas. 
Tamén estivemos a visitar outra comunidade chamada 12 de Febrero, na fronteira con Nicaragua, preto do volcán San Cristobal. Alí hai augas termais que empregan tradicionalmente para curar moitas enfermidades, especialmente as relacionadas coa pel. En 12 de Febrero xa dispoñen de un pozo, e as actividades que estivemos a facer foron de localizar en detalle os lugares por onde se van dirixir as tuberías de abastecemento, con axuda dunha estación total. A xente é encantadora e as súas comidas riquísimas! Que ben o pasamos.


Arriba, traballo de campo coa estación total para o levantamento dos puntos topográficos. Abaixo, foto de grupo coa comunidade de 12 de Febrero ao remate da xornada.

Outras comunidades que visitamos foron Alto de doña Julia e Las Arenas, onde asistimos á perforación de un pozo e ás reunións de coordinación entre as dúas comunidades, pois despois da alegría de ter unha nova fonte de auga, toca coordinarse e traballar para darlle avance ao proxecto de abastecemento.


Arriba, momentos previos ao traballo da máquina de perforación do pozo en Las Arenas. Abaixo, reunión de coordinación entre as comunidades de Alto de doña Julia e Las Arenas.
Nestas reunións acompañamos aos técnicos de NASMAR e AHJASA, Héctor e Manuel, que, ademais do traballo técnico, fan un traballo ben importante de concienciación e empoderamento sobre o recurso hídrico. É importante que a poboación sexa consciente das súas necesidades e que loite por conseguir un acceso digno á auga, coa mínima dependencia de institucións.
O obxectivo último de proxectos coma este, no que temos a sorte de estar formando parte con ESF, é que a sociedade se organice por si mesma e defenda o seu: solo, auga, ríos, mares, bosques... como parte integral da vida e fonte de saúde.

. E á saída dos traballos en oficina, a disfrutar dun chocobanano

No hay comentarios: