24 sept. 2017

Resumo do proxecto de agro 2017

Hai uns días, a Xunta de Galicia resolveu a adxudicación das axudas para proxectos de cooperación para desenvolvemento no exterior, resultando beneficiado dunha das subvencións o proxecto de  agro de Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia, xunto con CODDEFFAGOLF (Comité para la defensa y el desarrollo de la fauna y flora del Golfo de Fonseca) como socia, e o Cartolab (Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica) como entidade asociada. Desta maneira, xa se conta co monto necesario para executar as actividades que máis investimento requiren ao abeiro do Proxecto de fortalecemento das capacidades de incidencia política e xeración de alternativas produtivas sustentables de organizacións da sociedade civil vinculadas ao sector pesqueiro e agrícola a pesquena escala en sete municipios costeiros da Rexión 13 - Golfo de Fonseca, Honduras, con enfoque de soberanía alimentaria e defensa do territorio.

O proxecto está orzado en 244.892€, sendo un 91,87% do financiamento aporte do goberno galego, o equivalente a 225.000€, e ten un período de execución de 23 meses, de xaneiro de 2017 a novembro de 2018. Ao mesmo tempo, as súas accións abranguen a Rexión 13 - Golfo de Fonseca, concretamente nos municipios de Amapala, Nacaome, Alianza e San Lorenzo (Departamento de Valle) e Marcovia, Namasigüe e El Triunfo (Departamento de Choluteca).

Traballarase directamente con 385 familias organizadas en 7 grupos locais de agricultores/as e pescadores/as artesanais das comunidades de Playa Grande, Mapachín, San Lorenzo Centro, Agua Caliente e 21 representantes de organizacións civís e gobernamentais aglutinadas na Mesa Municipal de Seguridade Alimentaria e Nutricional (SAN) de Nacaome. Ademais, vincularanse á acción de forma indirecta, en primeira instancia, 1686 familias de agricultores/as e
pescadores/as doutras “seccionais” de CODDEFFAGOLF.

O contexto que engloba as accións contempladas no proxecto presenta as seguintes problemáticas: Débiles capacidades organizativas e de incidencia dos grupos locais.
  • Limitados espazos de participación e incidencia para os sectores primarios de pesca e agricultura.
  • Iniciativas agrícolas e pesqueiras desarticuladas dun enfoque de cadea.
  • Escasa valorización do territorio e da produción agrícola e pesqueira.
  • Políticas nacionais que ameazan a soberanía alimentaria e comprometen os recursos naturais.
  • Baixos ingresos familiares debido ao elevado nivel de desemprego.
  • Escaso acceso da muller e a mocidade a espazos de decisión e produción en zonas rurais.
  • Falta de metodoloxías innovadoras que melloren os procesos de desenvolvemento na área rural.

Así pois, agárdase que o proxecto incida no fortalecemento doutras Organizacións da Sociedade Civil que defenden e promoven o sector primario de pequena escala, entre as que se atopan cooperativas e grupos organizados de pescadores/as e agricultores/as, ou de marisqueiras, asociacións locais e internacionais que traballan na zona no ámbito da soberanía alimentaria e a defensa do territorio. Tamén se espera que os espazos de concertación social e participación nestes dous ámbitos saian fortalecidos.

Para ter unha visión máis completa do proxecto, no seguinte cadro relaciónanse os obxectivos e resultados perseguidos coas actividades a realizar para a súa consecución. Cabe sinalar que algunhas delas xa se foron executando nestes meses de 2017.

Obxectivo xeral: Reducir a vulnerabilidade alimentaria con un enfoque de dereito e soberanía alimentaria en poboacións vulnerables do sur de Honduras
Obxectivo específico: Fortalecer as capacidades de incidencia política e de xeración de alternativas produtivas sustentables de Organizacións da Sociedade Civil (OSC) vinculadas ao sector pesqueiro e agrícola de pequena escala
Resultado 1.1 Fortalecidas as Organizacións da Sociedade Civil que promoven a soberanía alimentaria e a defensa do territorio.

Actividade 1.1.1 Diagnose de OSC que traballan nos 7 municipios en materia de Soberanía Alimentaria e Defensa Territorial.
Actividade 1.1.2 Implementación dun proceso formativo que potencie o liderado institucional e local.
Actividade 1.1.3 Deseño de ferramentas de xestión organizativa para grupos locais de pesadores/as e agricultores/as de pequena escala.
Actividade 1.1.4 Acompañamento aos grupos (pesqueiros e agrícolas) na construción dunha axenda local que promova a participación e incidencia en materia de Soberanía Alimentaria e Defensa Territorial.
Actividade 1.1.5 Implementación de ferramentas de arte lúdica para a superación de problemas e conflitos internos dos grupos.
Resultado 1.2 Ampliadas as posibilidades de medios de vida sustentables de agricultoras/es e pescadoras/es de pequena escala mediante procesos innovadores.

Actividade 1.2.1 Defensa e mellora participativa de variedades de millo criollo.
Actividade 1.2.2. Desenvolvemento de dúas pilotaxes para a maduración de emprendementos produtivos en grupos cun nivel de organización intermedio
Actividade 1.2.3 Creación dunha unidade xestión de mercados locais para a promoción de espazos formais de comercialización.
Actividade 1.2.4 Experimentación e monitoreo de iniciativas de cría de pargo en gaiolas como alternativa de produción pesqueira sustentable
Actividade 1.2.5 Capacitacións a grupos produtores para a mellora da calidade e a comercialización de produtos locais, con enfoque de identidade territorial

Resultado 1.3 Alcanzados procesos para a xeración de coñecemento en políticas nacionais que fortalezan a gobernanza do sector agrícola e pesqueiro.

Actividade 1.3.1 Implementación da Escola de Formación Política para os sectores produtivos.
Actividade 1.3.2 Participación de sectores produtivos en espazos de decisión, mesas e outros: reunións coa Secretaría de Agricultura e Ganadería (SAG), incluíndo a Dirección General de Pesca y Acuicultura (Digepesca).
Actividade 1.3.3 Edición de “leccións aprendidas” das iniciativas de desenvolvemento do sector agrícola e pesqueiro con impactos positivos xerados.
Actividade 1.3.4 Valorización da identidade territorial na zona de intervención.
Actividade 1.3.5 Cartografía participativa para a defensa do medio ambiente e promoción da identidade territorial entre a mocidade.


No hay comentarios: