Como seguramente
saberedes as mais fieis seareiras deste blogue, no programa PCR de ESF tamén se
inclúe unha semana de estancia en comunidades.
As comunidades
rurais de Honduras son unha proporción importante do país, polo que é ben
acaído que coñezamos de primeira man como se vive o día a día. Concretamente,
da poboación total do país (9,1 millóns de habitantes, segundo os datos do
censo do 2016), o 54% atópase disperso en comunidades rurais. No departamento
de Choluteca, ao que pertence El Triunfo, a poboación rural é do 62,6%, e se
nos centramos no municipio de El Triunfo, os datos ascenden ao 76,4% de
poboación rural.
Nas comunidades
rurais practícanse a agricultura e gandaría tradicionais, os medios de
transporte e comunicación son escasos, e xeralmente carécese de servizos como
auga potable, sumidoiros, pavimentación, alumeado público, entre outros. Así
mesmo, atópanse diferenzas de escolarización entre as áreas rurais e urbanas,
atópase nos obxectivos do plan estratéxico hondureño 2014 – 2018 a mellora
deste aspecto, xa que na actualidade a escolaridade promedio é de 8,9 anos nas
zonas urbanas, e de unicamente 6 anos nas rurais.
No tocante ao
tema da auga, que é o motivo do proxecto de ESF, o Goberno de Honduras conta,
desde fai mais de 40 anos, co apoio de numerosas ONGs que desenvolven
actividades para dotar de servizos de auga potable e saneamento á poboación
hondureña, acadándose coberturas do 82% (abastecemento) e do 72% (saneamento)
segundo datos do Banco mundial (2015). Con isto, aproximadamente un millón de
persoas vive sen acceso a servizos dignos de auga potable, e uns 2,2 millóns
sen acceso a saneamento mellorado. E esta situación agrávase nas zonas rurais,
onde segundo o SANAA (Servicio Autónomo Nacional de Acueductos y
Alcantarillados), o 28% dos sistemas de auga non son suficientes na estación
seca. Nestas zonas, ademais, só son potables arredor do 10% das augas
superficiais.
Pois xa postas en
situación, e tendo en conta que nas comunidades rurais a xente aínda é mais riquiña
que nos núcleos urbanos, se cabe (pois o carácter da xente hondureña é ben
amigable e acolledor), a Masila nos fomos Adri mais eu, con moitas ganas de vivir
a experiencia. E con moitas ganas de coñecer esa comunidade que viamos todos os
días desde o pobo, e desde a estrada panamericana nas nosas viaxes a Choluteca.
Pois Masila é a comunidade do Triunfo que está situada no alto de un cerro.
Unha situación privilexiada respecto a vistas da natureza e clima mais fresco.
Ao fondo, cerro de Masila
visto desde El Triunfo.
Como dixemos,
Masila está situada nun cerro, polo que a chegada é a pé. Raramente algún
veciño vai en moto ou mototaxi, porque o camiño é moi difícil. Ademais da
pendente de subida, tamén é complicado porque a ponte sobre o río rompeu hai un
par de meses e aínda están pendentes do arranxo.
As mulleres da
Xunta de Augas foron quen nos recolleron e acompañaron ata a súa comunidade, e
desde o primeiro día estivemos tan coidados como se das nosas nais se tratara.
Viaxe de ida a Masila.
Sí, as mulleres
da Xunta de Augas porque neste caso 6 das 7 persoas que compoñen a xunta son
mulleres. Tal e como vimos durante a semana, é unha xunta de funcionamento
exemplar, con iniciativa e moitas ganas de aprender. Con elas acordamos un día
no que xuntarmos toda a comunidade (composta por unhas 75 familias) e facer
unha posta en común do avance do seu sistema de abastecemento que está en proxecto.
Incluso despois dunha grande choiva tropical, a comunidade achegouse á xuntanza
e volcouse en coñecer o estado do sistema que esperan con tantas ansias, e durante
un bo anaco estivemos a recoller propostas de mellora e adaptación.
Ao remate desta
reunión, e aproveitando que a municipalidade do Triunfo nos prestara un
proxector, gozamos dunha entretida velada con sesión de cinema.
Visita a un pozo con
lavadeiros de roupa, coas compoñentes da Xunta de Augas de Masila.
Reunión sobre o estado do proxecto de
abastecemento de augas en Masila e velada de cinema no local social da
comunidade.
Tamén dentro das
nosas tarefas PCR aproveitamos a estancia en Masila para achegarnos á escola:
hai desde preescolar até os 12 anos, repartidos en 3 aulas. A rapazada que nun
principio nos ollaba como estraños
blanquitos, pronto se mostraron moi interesados no que tiñamos que
contarlles sobre a súa auga. As dinámicas de sensibilización e coñecemento do
uso adecuado da auga estiveron acompañadas de cancións e xogos. Facer educación
ambiental con alumnado tan receptivo é ben agradecido. Son a xeración do futuro
e oxalá tomen conciencia desde a infancia, pois certo é que queda camiño por
percorrer coidando un recurso que nos da a vida.
Sesións de educación ambiental sobre o recurso
auga na escola de Masila.
Masila tamén é
especial pola súa iniciativa de radio comunitaria chamada Radio Cholula, que co
seu slogan “Creando conciencia social” espallan polas ondas diferentes
programas, creando debates, recibindo chamadas de opinión e por suposto,
dedicando as mellores músicas aos seus oíntes.
Tivemos a sorte de participar en directo en dúas ocasións, dando a
coñecer a actividade que ESF está a desenvolver alí.
Os PCRs de auga “no aire” en Radio Cholula.
Ademais destas
actividades, a vida cotiá en Masila foi moi agradable, hai unha boa porcentaxe
de xuventude, que nos acolleu como a dous mais da comunidade, e cos que tivemos
a sorte de coñecer os arredores e facer roteiros pola exuberante natureza que
rodea a comunidade, que está localizada no seu punto mais elevado cunha cruz
branca desde a que se pode ver a paisaxe ata Nicaragua.
Nas casas non hai
auga corrente, aprendemos como é bañarse nos pozos con roupa, tal e como fan
alí cada mañá, ademais de aproveitar esa viaxe da ducha para lavar a roupa e volver cargados con baldes de auga para
o día. De isto encárganse principalmente as mulleres e cativas, se ben tamén
moitos cativos axudan coa traída da auga. Este é un dos motivos que ocupa o
tempo de mañá na infancia, e cando as distancias non son moi curtas, compaxinar
os quefaceres domésticos coa escolarización vese impedido. Ademais da
inseguridade da calidade da auga que están a tomar, pois cada ano enferman por
parásitos e diarreas unha grande parte dos cativos. Un motivo mais para
solicitar un sistema de auga potable na comunidade.
Mañá en Masila: baño, lavar a roupa e carretar
auga.
PPPPaseos e roteiros coa xuventude de Masila.
E para quedarnos
con un bo sabor de boca ao final deste artigo, compartimos algunha das comidas
que probamos durante a semana, e que tamén tivemos a sorte de aprender a
cociñar. Tan rica a cociña hondureña! Especialmente nestas comunidades rurais,
xa que como ben sabemos as galegas, a comida da horta e animais da casa é a
mellor!!
Chanchitos e galiñas indias.
Cada mañá lévase o millo a moer para facer as
tortillas, que son o pan de cada día. Acompañan a todos os pratos, coma esa
sopa de galiña india (con banano e yuca!).
Aprendendo a facer tamalitos pisques: hai que preparar,
por unha banda, as follas de chácara ou de guarumo, por outra, a masa de millo
con especias, e en terceiro lugar, o recheo de frijoles. Na seguinte ligazón
explícase como facelos: www.tamales-pisques.recetascomidas.com Compensa o laboriosos que son co ricos que
saben!
Como xa se pode
presentir, foi unha das mellores semanas en Honduras. Adri e mais Vero non
temos mais que agradecer estes días á comunidade de Masila pola súa acollida, a
vida é un aprender continuo, GRAZAS!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario