Un novo Proxecto de Cooperación Internacional de Enxeñería Sen Fronteiras
O proxecto “Fortalecemento da soberanía alimentaria e do uso racional dos recursos naturais en 10 comunidades da microcunca Quebrada Gallardo, municipio de Namasigüe, departamento de Choluteca, Honduras. FASE 1” localízase na microcunca da Quebrada Gallardo, no municipio de Namasigüe, departamento de Choluteca en Honduras.
Con el preténdese contribuír a fortalecer a Soberanía Alimentaria e o uso racional dos Recursos Naturais no sur de Honduras, mediante o fortalecemento e a diversificación de sistemas de produción familiar sostibles, con énfase no uso racional dos recursos naturais.
Estase a traballar directamente con 150 familias distribuídas en 10 comunidades: Ranchería, Yolorán, El Venado, Costazul, Guamerú, El Quebrachal, La Cuchilla, Playa Negra, Los Prados, San Francisco; todas situadas no municipio de Namasigüe, departamento de Choluteca. En relación coa temática do proxecto, os principais problemas que afectan a poboación meta son:
-Escasa diversificación e planificación baixo criterios de rendibilidade e sostibilidade dos sistemas de produción familiar.
-Xestión insostible dos recursos naturais por utilización de prácticas inadecuadas.
-Escasa concienciación ambiental.
-Dificultades no acceso as zonas tradicionais de pesca.
-Deficiencia nos sistemas de acopio, transformación e comercialización da pesca, que mingúan a capacidade de xerar ingresos da poboación.
-Debilidade institucional das organizacións encargadas de ordenar e planificar os usos do territorio.
-Situación de desigualdade entre homes e mulleres en canto ao acceso dos recursos naturais da comunidade.
Para mellorar esta situación o proxecto contempla unha serie de actuacións coas que se pretende:
-Diversificar os sistemas de produción, incidindo tanto na liña agroforestal coa elaboración e implementación de plans de manexo de fincas, que contemplan a introdución de cultivos non tradicionais en hortos familiares, o establecemento de sistemas de produción de grans básicos combinados con árbores de usos múltiples e a introdución de métodos para a elaboración de abonos orgánicos, coma na liña pesqueira fomentando unha mellora nos procesos de acopio, transformación e comercialización de peixe.
-Implementar sistemas de conservación dos recursos naturais, a través da protección de zonas vulnerables do territorio introducindo prácticas e medidas de conservación do solo e implementación de sistemas de produción sostibles.
-Sensibilizar a poboación sobre o acceso equitativo e sostible dos recursos naturais.
-Fortalecer as capacidades e incidencia dos actores locais na ordenación do territorio dos recursos marino-costeiros mediante elaboración dun estudio que avale e apoie as estratexias de incidencia política orientadas a frear o impacto da expansión industria camaroeira na zona.
No proxecto participarán Enxeñería sen Fronteiras Galicia (ESF) e o Comité para a Defensa e Desenvolvemento da Flora e Fauna do Golfo de Fonseca (CODDEFFAGOLF), con fondos da Consellaría de Presidencia da Xunta de Galicia.
CODDEFFAGOLF encargarase de executar directamente o proxecto contando en todo momento co apoio e seguimento de ESF.
3 comentarios:
moi didáctica! e con bonitas fotos :-) Así será máis fácil entender (e polo tanto explicar) qué se fai en Honduras. Graciñas!
si señor! moitas gracias pola explicación. un abrazo compañeiros!
muy bien explicado! coincido con Patri! =)
Publicar un comentario