10 ago 2018

Primeira etapa en Honduras


Logo de 10 día en Honduras, compartir os primeiros en San Lorenzo con Cris e Raquel; Uxía mais eu, estamos ben asentados no Municipio do Triunfo, no Departamento hondureño de Choluteca. Será a nosa base no próximo mes , aproximadamente, en función do ritmo de execución dun sistema de abastecemento no centro do municipio.

Honduras é diferente, mais non tan diferente como eu chegara a pensar. O pasado martes, visitamos a Comunidade de Varsovia, no propio Municipio do Triunfo, onde puiden comprobar unha realidade que en moitos sentidos me resultou recoñecible. Vín algo moi parecido á Galicia rural que eu coñecín a comezos dos anos 90, nas aldeas dos meus pais, aínda daquela pletóricas de vitalidade e sentido comunitario, foi como unha volta ó pasado. Tivemos unha reunión coa Xunta de Augas, que é o principal organo de control da xestión, e coñecimos un sistema de bombeo con enerxía solar ademais dunha letrina ecolóxica. Xa neste punto, tanto pola importancia que teñen as Xuntas de Augas a nivel institucional como polo interese en participar, puidemos comprobar como a auga é un dos eixes centrais da vida destas persoas, algo que, na miña opinión, en Galicia temos olvidado.

No día de onte, xoves, asistimos pola maña como observadores a unha reunión de distintos axentes convocados para participar na planificación dun sistema de bombeo que abastecerá a unha serie de colonias. O principal obxectivo do proxecto é implementar unha metodoloxía de transparencia e rendición de contas, para o que o bombeo servirá como caso de estudio. O primeiro que me chamou á atención é a resposta á convocatoria, unha 20 persoas acudiron, entre representantes de patronatos, Xuntas de Augas, Municipalidade…

Aquí teñen unha cultura da participación e uns mecanismos para exercela dos que temos moito que aprender. A reunión, que durou mais de 4 horas, foi fluida e bastante operativa. Non necesitaban de responsable de toma de turnos de palabra, porque ninguén os saltaba. Sentín un sentido de respeto pola opinión das demais persoas.
Unha señora, expresou con xenio a posición da súa comunidade, xenio comprensible posto que levan un tempo sufrindo pola mala calidade da auga. Foi un dos relatos que máis me impactou dende que estou aquí.

Outra rapaza, representante da súa colonia, dixo que ela tiña a súa opinión persoal pero que non tiña os coñecementos nin a autoridade para tomar a decisión en nome da súa colonia, polo que creía que o mellor era facer unha consulta casa por casa. Bravo pola túa sensatez, pensei.

Acordouse facer esas consultas, e dar unha resposta o domingo. Hoxe mesmo asisteremos a unha das asembleas nas que se definirán as posicións das comunidades respecto a planificación dos proxectos. Será para nós algo moi interesante, onde poderemos seguir comprobando esa diferencia cultural na parte da participación comunitaria.



Cómo conclusión destes primeiros 10 días. Entendendo o Dereito Humano á Auga como producto de varias dimensións, estou constatando algo que coñecía a nivel académico. É certo que aquí hai moitas carencias en canto á dispoñibilidade é o acceso. Máis, respecto o sentido de pertenencia do recurso, ó dereito á participación da xestión e a rendición de contas, penso que están mais avanzados.

Este mutuo aprendizaxe demostra que a cooperación debe ser un fluxo bidireccional de información e coñecementos entre os pobos, con sentido do respeto e con vocación de tecer pontes e contruir sinerxías nas que todas as persoas posibles saían beneficiadas. Parece que falo dunha utopía, hoxe estou optimista e con ánimo para decir que a utopía non soamente é necesaria, senón que é o motor do progreso.

Seguiremos informando.

Saúde

No hay comentarios: